Presentada a imaxe da 24ª edición do Ourense Film Festival

Aurelio Gómez Villar, Rosendo Fernández y Miguel Anxo Fernández
  • O vicepresidente da Deputación de Ourense e os coordinadores técnico e artístico do festival presentaron os carteis das catro seccións do evento: a sección oficial, OUFF en Curto, Fas Muvis e Cine e Auga

A 24ª edición do Ourense Film Festival (OUFF), organizada pola Deputación de Ourense, xa ten imaxe e foi presentada no Pazo Provincial polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; e polos coordinadores técnico e artístico do Festival, Aurelio Gómez Villar e Miguel Anxo Fernández, que mostraron os carteis das catro seccións do evento: a Sección Oficial, OUFF en Curto, Fas Muvis, e Cine e Auga.

 

O cartel da Sección Oficial conta co trofeo principal do festival: a Calpurnia. Este ano na competición haberá títulos moi potentes, con películas premiadas en grandes festivais como o de Cannes. Ao galardón presentáronse máis de 500 traballos de máis de 70 países dos que soamente serán elixidos 12. Polo momento, coñécense catro aspirantes: O que arde”, “Parásitos”, “ The bra” y “La odisea de los giles”.

O cartel do OUFF en Curto está feito por Miguel Grandío. A esta nova edición presentáronse máis de cen curtametraxes, pero soamente 17 foron as seleccionadas. Destacan títulos como “Soy una tumba” (candidato aos Premios Goya) ou “De repente, la noche”. Ademais, como novidade, este ano haberá concurso de videoclips, que xa conta con 9 seleccionados (entre os que están cancións de Maskarpone, La Pegatina ou Soziedad Alkohólika).

Pola súa parte, Nuria Grandío é a autora do cartel de Fas Muvis, con foto de Enzo Sarmiento. Este concurso propón aos participantes o reto de crear unha peza audiovisual nun tempo limitado e cun equipo formado por cinco membros. 

Por último, o cartel da sección Cine e Auga é obra do pintor ourensán Alexandro. “Esta sección é a única que presenta un cartel que leva firma de autor, porque o festival aspira, en vindeiras edicións, a consolidar esta sección para potenciar o valor da auga, un dos principais referentes da provincia de Ourense, por iso quixemos que este cartel levara firma de autor e pretendemos recuperar esa tradición plástica tódolos anos”, explicou Miguel Anxo Fernández. Neste mesmo sentido, o coordinador técnico do OUFF sinalou que o Festival “queremos que sexa, ademais de cine, canle de promoción dos recursos da nosa provincia”.

Coa presentación dos carteis desta edición do Festival “damos un paso máis dentro do plan de comunicación deseñado e, a partir de agora, iremos avanzando a programación deste ano”, dixo Aurelio Gómez Villar, quen asegurou que “vamos alcanzar os altos obxectivos marcados nesta edición”.

Premios

Ademais, nesta 24 edición do OUFF entregarase a Calpurnia de Honra á produtora galega Vaca Films (da que haberá un ciclo cos seus mellores filmes) e a Calpurnia de Honra Internacional ao actor francés de orixe ourensán José Garcia. O director Norberto López Amado recibirá este ano o prestixioso Premio Ourense, que o ano pasado recibiu o actor Luis Tosar. Por outra banda, este ano estréase o Premio OUFF Televisión, como recoñecemento para os profesionais do audiovisual neste sector, e que recaerá na actriz galega Cristina Castaño.

Ciclo mexicano

Nesta edición, o OUFF terá a México como país convidado. Coa colaboración da Fundación Carlos Velo e o Centro de Capacitación Cinematográfica de México, exhibiranse na cidade das Burgas algunhas das películas máis destacadas do audiovisual feitas nos últimos anos no país mexicano. Haberá doce títulos, con obras creadas entre os anos 2001 e 2018, ademais de “El secreto de Romelia” (1988), a primeira película realizada por unha graduada no Centro, a directora Busi Cortés.

Nos vindeiros días completarase a programación desta 24 edición do OUFF cos ciclos que faltan por presentar, o OUFF Escola, talleres, exposicións, concertos e demais datos. Durante nove días, do 27 de setembro ao 5 de outubro, Ourense será de novo a capital do cinema en Galicia, con proxeccións, seccións a competición e actividades paralelas.