REGLAMENTO DO FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINE DE OURENSE (OUFF) PARA A COMPETICIÓN DE LONGAMETRAXES

24ª EDICIÓN DO 27 DE SETEMBRO AO 5 DE OUTUBRO DE 2019

1/ Datas de celebración

O OUFF 2019 terá lugar do 27 de setembro ao 5 de outubro.

 

2/ Sede

Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF)
Centro Cultural Marcos Valcárcel
Rúa Progreso, 30
32003 Ourense (España)
Teléfono: + 34 988 317 896
www.ouff.org
ouff@depourense.es

3/ Sección

Competición oficial de longametraxes.

4/ Participantes

Poderán concursar as persoas físicas ou xurídicas (produtoras, distribuidoras…) que posúan o debido control legal sobre as obras que presenten a competición.

5/ Requirimentos das películas

– Deberán estar producidas en 2018 ou 2019
– Poderán ser obras de ficción, animación ou documentais.
– Non poderán terse exhibido nin editado comercialmente en España en salas públicas (agás en festivais), televisión, dvd ou vídeo, antes do 27 de setembro de 2019. Tampouco en internet con acceso libre en España.
– As obras deberán ter unha duración superior aos 60 minutos.

 

6/ Como participar

A inscrición das películas para participar na sección oficial do festival será gratuíta e deberá facerse polas seguintes canles:
– Plataformas on line: FESTHOME.COM e CLICKFORFESTIVALS.COM
– Páxina web do festival: www.ouff.org, facilitando un enlace permanente de reprodución co contrasinal correspondente e cubrindo o boletín de inscrición que figura nela. A persoa firmante deste boletín será o único interlocutor válido co festival.
– Tamén poden ser enviadas fisicamente en DVD ou Blu-Ray á seguinte dirección:
Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF2019)
Centro Cultural Marcos Valcárcel
Rúa Progreso, 30.
32003 Ourense (España)
– O prazo de recepción de películas rematará o 15 de agosto de 2019
– A dirección do festival resérvase o dereito de poder seleccionar títulos que cheguen fóra de prazo.

7/ Selección

Unha comisión nomeada pola organización será a encargada de invitar ás películas que competirán na sección oficial do certame.

8/ Obrigas dos seleccionados

Os participantes, cuxas películas sexan seleccionadas para a sección competitiva, deberán cumprir as seguintes disposicións:
– A total aceptación destas bases.
– Cesión dos dereitos para a exhibición pública das súas películas.
– Autorización para divulgar materiais das películas inscritas (fotogramas, carteis, fichas, fragmentos do guión, textos de prensa, etcétera). Os participantes autorizan a difusión de ata tres minutos de imaxes das devanditas películas en calquera medio de comunicación.
– Aceptación de que, no caso de obteren algún dos premios outorgados na competición, incluirán unha referencia escrita de forma obrigatoria e inescusable da concesión do devandito premio ao comezo de todas e cada unha das copias da película que distribúan para a súa exhibición en salas comerciais e/ou en certames audiovisuais, así como en todo o material informativo e promocional impreso (press- books, carteis, etcétera).
– Deberán facilitarlle á organización todo o material que se lle solicite (carteis, press book, fotografías, listado de diálogos, etcétera.
– Facilitaranlle á organización a copia de proxección e unha copia de seguridade en Blu-Ray.
– Asumirán os custos de transporte do envío das copias ata Ourense, incluídos os impostos de alfándega correspondentes, que serán pagados pola persoa ou entidade que inscribise a película. Na etiqueta do envío deberá especificarse o texto seguinte: “Para usos culturais soamente / Sen valor comercial”.
– Non poderán retirar a película da programación nin presentala comercialmente en España antes da súa proxección no OUFF.
– A copia deberá estar en poder do festival antes do 10 de setembro de 2019.
– Ceder, no caso de que a organización o solicite, unha copia da película premiada para que forme parte do arquivo do certame, que só poderá utilizala para fins de carácter cultural e sen ánimo de lucro.
– A persoa ou entidade que presenta a película seleccionada comprométese a que asistan ao festival representantes do equipo técnico ou artístico.

9/ Exhibición

– As proxeccións da competición de longametraxes faranse en sistema DCP -que cumpra a normativa internacional DCI- ou no formato que considere o festival.
– As produtoras ou distribuidoras que inscriban a película deberán facilitar as KDM para os servidores das sedes do festival, correndo os gastos por conta delas.
– Durante a celebración do certame a organización resérvase o dereito de exhibir as películas seleccionadas nas salas cinematográficas e espazos vinculados a este festival un máximo de catro sesións. A organización establecerá a orde, data e horario de exhibición.
– As películas deberán permanecer en poder do festival para a súa exhibición ata o seu remate.
– As obras gañadoras serán proxectadas, nun pase especial, o día seguinte do remate do certame.

10/ Xurado

– Os premios da competición oficial de longametraxes serán outorgados por un xurado, designado pola organización entre profesionais do mundo cinematográfico, audiovisual, medios de comunicación e cultura.
– O xurado non poderá declarar deserto ningún premio nin concedelo Ex Aequo.
– O xurado poderá conceder as mencións especiais (sen dotación económica) que considere oportunas.
– O xurado podería outorgar excepcionalmente unha única vez dous premios a unha mesma película.
– As decisións do xurado serán inapelables.

11/ Premios

– O xurado da competición oficial de longametraxes outorgará os seguintes cinco galardóns:

  • Calpurnia á mellor película dotado con 18.000 euros
  • Premio Carlos Velo á mellor dirección: 4.000 euros
  • Premio especial do xurado: 2.000 euros
  • Premio ao mellor guión: 2.000 euros
  • Premio á mellor interpretación: 2.000 euros

– O festival concederá tamén tres premios máis:

  • Premio do público: 3.000 euros. O filme da competición oficial de longametraxes que obteña unha maior puntuación ponderada en función dos votos emitidos polos espectadores tralas proxeccións.
  • Premio Galicia: 5.000 euros. Á mellor obra con produción ou coprodución galega de todo o festival.
  • Premio especial Eduardo Barreiros: 2.000 euros. Concederáselle á mellor opera prima do cinema español estreada entre setembro de 2018 e setembro de 2109.

A dotación económica dos premios corresponderalle integramente á distribuidora ou produtora que presentara a película, coa excepción dos premios á mellor dirección e interpretación, que serán para as persoas físicas que resulten gañadoras. En todos os casos as retencións fiscais e outros gastos en que se poida incorrer á entrega dos premios en metálico serán deducidos destes, co que o montante final variará dependendo das condicións establecidas por cada país e da forma en que se realice o pagamento.

O outorgamento dos premios previstos nestas bases condiciónanse á existencia de crédito adecuado e suficiente no orzamento corrente da Deputación Provincial de Ourense.

 

12/ Trofeo do festival e presenza na cerimonia de clausura

Os gañadores de todos os premios recibirán un trofeo representativo do festival. Para isto será imprescindible que o premiado ou alguén que o represente estea presente na cerimonia de clausura do Festival de Cine.

 

13/ Resolución final

A dúbidas que poidan xurdir sobre a interpretación destas bases, así como os conflitos que puideran producirse derivados da súa aplicación, en canto á organización ou funcionamento, serán competencia exclusiva da organización do festival.

Contra este acordo pode interporse, potestativamente, un recurso de reposición ante a Xunta de Goberno desta Deputación, no prazo de 1 mes, como trámite previo ao contencioso-administrativo, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado Provincial do ContenciosoAdministrativo, no prazo de 2 meses, sen que se poidan compatibilizar ambos recursos. Os prazos indicados computaranse a partir do día seguinte ao da publicación destas bases.