Arrinca a rodaxe de “Olvido y León”, a nova película de Xavier Bermúdez

Presentación de "Olvido y León"

 

  • O luns comezará a rodaxe da continuación da película “León y Olvido”, de 2004, no Balneario de Laias

  • “Este filme é fillo da 23 edición do OUFF”, afirmou Manuel Baltar

 

O Balneario de Laias Caldaria será a partir do luns un dos primeiros escenarios que sirvan de plató para a rodaxe da película “Olvido y León”, a continuación da película “León y Olvido” de 2004. Na presentación aos medios do inicio desta nova aventura cinéfila do director ourensán Xavier Bermúdez acompañárono o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e Marta Larralde, Guillem Jiménez e Monti Castiñeiras, que forman parte do elenco que protagonizará o filme.

A Deputación apoiou dende o minuto un este proxecto, que é fillo da edición 23 do OUFF. Agradecemos a Xavier e aos actores e actrices aquí presentes por facer que Ourense sexa protagonista” afirmou Manuel Baltar, que tamén fixo un repaso pola historia da provincia como plató de cinema dende títulos como “La Virgen del Cristal” de 1926 pasando por “Cotolay”, “El bosque del lobo” ou máis recentes como “A Esmorga”. “Temos que ir pensando xa na edición 25 do festival, no 2020, que ademais coincidirá co centenario da Revista Nós” finalizou o presidente da Deputación.

Un agradecido Xavier Bermúdez, Calpurnia de Honra do OUFF do pasado ano, tomou a palabra para afirmar que “non me cansarei de dicilo pero se non fora pola Deputación de Ourense e polo OUFF, hoxe non estaríamos aquí anunciando que o luns comezamos a rodaxe”. O cineasta ourensán afirmou que “temos unha película xenuina. Non é unha parte dúas, é autonóma pero cos mesmos personaxes. Ademais estou moi satisfeito co equipo técnico e artístico que temos”.

A rodaxe da película comezará o vindeiro luns e rodarase integramente na provincia de Ourense. Ademais do Balneario de Laias, aparecerán escenarios de Cenlle, Arnoia ou Ribadavia e “pode que un par de días rodemos na cidade de Ourense” explicou Bermúdez. “A verdade é que eu quedei afectado emocionalmente despois de ‘León y Olvido’ e non quería nin pensar en facer outra pero Guillem non paraba de escribirme por Whatsapp preguntándome así que é culpa del”, bromeou o director.

Rolda de prensa de Olvido y León

Foron precisamente o actor Guillem Jiménez, que interpreta a León, e a actriz Marta Larralde, Olvido, os máis emocionados durante a rolda de prensa. “Estou encantada de estar en Ourense, este lugar, Laias é impresionante, levo xa aquí unha semana e respírase paz e enerxía. Ademais estou encantada de volver a este papel e ver a evolución do personaxe”, comentou Larralde. 

Pola súa banda, Guillem Jiménez dixo estar “sen palabras. Dou as grazas a Xavier e a Marta e prometo dalo todo neste papel e a ver se me dá sorte para recoller un premio. Estou moi feliz”. O actor tamén quixo salientar a química tan especial que comparte con Marta Larralde, “con unha mirada dicimos todo”.

Estrea papel en “Olvido y León” o actor galego Monti Castiñeiras que se amosou “encantado de participar nesta película e de poder ser a terceira pata deste banco, como ben dixo Xavier. O único que espero é que o banco non caia pola miña culpa”. Os tres intérpretes amosáronse encantados co inicio deste novo proxecto que volverá a poñer a Ourense no firmamento cinéfilo.