O cineasta mexicano Iván Trujillo, actual director de TV UNAM, presidirá o Xurado Internacional do Ourense Film Festival

  • Recibirá en Ourense a máxima distinción anual que concede a Fundación Carlos Velo

A 26ª edición do Ourense Film Festival, a celebrar do próximo 24 de setembro ao 2 de outubro, organizada pola Fundación Carlos Velo coa colaboración principal da Deputación de Ourense, continúa a súa progresión co anuncio por parte da organización da aceptación do cineasta mexicano e actual director de TV UNAM, Iván Trujillo, como director do Xurado Internacional da Sección Oficial, despois da súa reunión en Madrid cunha delegación da Fundación, coa súa presidenta Carmen Leyte á fronte. 

Durante o citado encontro, trasladóuselle a Iván Trujillo a concesión da máxima distinción anual que concede a citada Fundación, Veliano de Honra, outorgada a quen mantivo relación co ilustre cineasta de Cartelle, do que Trujillo foi alumno e amigo distinguido. A concesión realizarase no marco do propio Ourense Film Festival e das súas características e desenvolvemento informarase proximamente. Na citada reunión tamén se ultimaron aspectos vinculados ao Taller Carlos Velo de documentais, unha iniciativa que se desenvolverá conxuntamente entre TV UNAM e  OUFF, con alternancia anual entre ambos os países e que na súa primeira edición será unha das iniciativas da presente edición.

Biografía

Iván Trujillo Bolio é licenciado en Bioloxía e cineasta egresado da Máxima Casa de Estudios. De 1989 a 2008 desempeñouse como director xeneral da Filmoteca da UNAM. De 2008 a 2010 ocupou o cargo de agregado cultural de México en Cuba e de 2010 a 2018 desempeñábase como director xeneral de Festival Internacional de Cinema de Guadalaxara (FICG).

Conta con experiencia en materia de produción e difusión audiovisual en México. En 1988 recibiu o Ariel a Mellor Curtametraxe Documental pola película Mariposa monarca, adivinanzas para siempre. Foi condutor e realizador da serie a Vida en peligro, o cal foi transmitido por Canal 11 de 1982 a 1983. Desempeñouse como produtor da serie 18 lustros de siglo XX; desta, catro dos seus episodios foron recoñecidos co Ariel a Mellor Documental.

Foi presidente da Federación Internacional de Arquivos Fílmicos de 1999 a 2003. A nivel internacional participou en diversas mostras de cinema mexicano, ademais de xurado de varios festivais de cinema. En maio de 1999 recibiu a condecoración de Caballero da Orde das Artes e Letras, que outorga o goberno de Francia. En 2006, o Goberno de España condecorouno coa Encomienda al Mérito Civil. Iván Trujillo Bolio é director xeneral de TV UNAM desde 2019.