O OUFF incorpora unha nova proposta turística pola provincia ligada ós escenarios de varias películas

Fotograma de Los Girasoles ciegos en Ourense
  • “Viaxes de cine por Ourense” será unha actividade diaria durante a semana de Cine con inicio e remate na capital

  • Os asistentes poderán coñecer lugares de rodaxe de “A lingua das bolboretas”, “Los girasoles ciegos”, “Elisa y Marcela” ou “A Esmorga”

“Viaxes de cine por Ourense” é unha nova iniciativa ligada ó OUFF coa que a organización do festival desexa poder amosarlles aos ourensáns e ás persoas que non viven en Ourense e se acheguen durante a semana de cine a Ourense, algúns dos lugares ou espazos de cine que se agochan polas rúas e aldeas de toda a provincia. O obxectivo principal é dar a coñecer os escenarios que serviron de set de rodaxe para un gran número de películas que ó longo do tempo se teñen rodado na nosa provincia.

Películas como “Cotolay” (1965) de José Antonio Nieves Conde, “El bosque del Lobo” (1970) de Pedro Olea, “La ley de la frontera (1995) de Adolfo Aristarain, “La lengua de las mariposas” (1998) e “Los Girasoles ciegos” (2007) de José Luís Cuerda, “Años después” (2012) de Laura Gardos, “A Esmorga” (2014) de Ignacio Vilar e ultimamente “Elisa y Marcela” (2019) acollen todas elas espazos naturais, edificios históricos ou cascos urbanos da provincia nos que destacan en moitos casos monumentos ou espazos perfectamente visitables e que poderán amosar os encantos de Ourense dende unha nova perspectiva.

Para a semana do OUFF ten sido definida unha primeira circular con inicio e remate na capital e que percorrerá Allariz, onde se poderá visitar a escola na que o Pardal quedou marabillado polas ensinanzas do seu mestre en “A lingua das bolboretas”, o claustro barroco do mosteiro de Celanova, onde foi instalado o colexio onde “Elisa e Marcela” atoparon o amor, Ribadavia e a Taberna da Tía Esquilacha onde fan parada o Bocas, o Milhomes e o Cibrán en “A Esmorga”, o mosteiro de San Clodio en Leiro, onde o crego de “Los Girasoles ciegos” lle fai confesión dos seus amores ó bispo, ou as aldeas de Pazos de Arenteiro onde Elisa e Marcela celebraron a súa voda oculta. Loxicamente a propia cidade tamén será percorrida polos visitantes que se sumen a esta primeira iniciativa, lembrando espazos de “Los girasoles ciegos” e “A Esmorga”.

Con inicio, pois, na cidade de Ourense e da man dunha persoa que ofrecerá unha cumprida explicación sobre os escenarios e o seu protagonismo nas historias relatadas en cada filme, a viaxe será realizada en autobús, tomando como punto de encontro cada xornada no Centro Cultural Marcos Valcárcel, centro neurálxico da celebración do OUFF.

Esta non será máis ca unha primeira iniciativa que non só será ampliada en novas edicións, se non que será diversificada noutras rutas por distintas comarcas como pode ser a de Valdeorras, onde foi rodada, por exemplo,  “Sempre Xonxa”, a Baixa Limia, onde Aitana Sánchez Gijón rodou “La ley de la frontera”  e outros lugares que tamén acolleron outras rodaxes e que pola súa dispersión xeográfica non tería cabida nesta ruta inicial.

Así mesmo, tamén está previsto definir un roteiro máis completo para poder percorrer ó longo dunha fin de semana e que, coas debidas explicacións e contactos, poida ser percorrido por iniciativa propia por aquelas persoas que desexen coñecer Ourense dende unha perspectiva cinematográfica.