MANANE RODRÍGUEZ
Presidenta do xurado
Montevideo, 1955

Cofundadora, en 1994 en A Coruña, da produtora Xamalú Filmes. Ten producido e dirixido numerosas películas, entre as que destacan: “Los pasos perdidos” (2001), que obtén unha Mención Especial do Xurado da Prensa Internacional (FIPRESCI) na SEMINCI, o Premio Especial Cinespaña no Festival de Toulouse e a Targa de Prata e o Premio do Público no Festival Internacional de Cine de Turín; e “Migas de Pan” (2016) seleccionada para representar a Uruguay nos Premios Oscar.

MARTA PÉREZ
Vigo, 1976

Doutora pola Universidade de Santiago de Compostela e Graduada en Estudos da Comunicación pola Universidade de Glamorgan, Reino Unido. A súa tese versou sobre “Modalidades humorísticas na comedia televisiva galega. Humor e ideoloxía na fórmula televisiva da comedia de situación”. É profesora na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e forma parte do grupo de investigación Estudos Audiovisuais.

MANEL RODRÍGUEZ
París, 1967

Vicepresidente do Cineclub Padre Feijoo de Ourense. Ten fascinación pola pantalla grande dende a infancia. O seu primeiro contacto cos filmes en VOS é no Cineclub Catalexo da Universidade Laboral de Ourense. Dende mediados dos 80 ten unha asistencia continuada aos ciclos do Cineclube Padre Feijoo, pasando de espectador ansioso a colaborar no desenvolvemento das súas programacións dende fai uns anos.

CLARA COIRA
Lugo, 1996

Estudante de último curso de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela. É coorganizadora das xornadas “A outra mirada: cinema e muller” en dita universidade. Ten participado na realización de diferentes pezas audiovisuais, como a filmación de entrevistas para plataformas dixitais ou a produción de curtametraxes.

JONNY WOLFMOR
Ponteareas, 1992

Cineasta, fotógrafo e artista visual galego. Estudou o Grao en Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo e o Máster de Dirección Cinematográfica e Novos Medios na Escola de Cine TAI en Madrid. Entre as súaas obras destacan as curtametraxes “Serendepia” (2015), “Odisea” (2016), “Luscofusco” (2016) e o documental experimental “Inefable” (2016).