|
Ourense
é terra de cineastas e sempre estivo vencellada ao cinema
grazas ao labor de importantes directores de cine ourensáns,
como foron Carlos Velo ou Antonio Román.
Ourense
foi pioneira en Galicia a mediados dos 70 coa organización das
“Xornadas de Cine”, todo un referente para a historia do cinema
de Galicia.
As
“Xornadas” permitiron ao público ver por vez primeira
producións non só de fóra do país, senón
tamén de Galicia, rodadas en 16 mm case na clandestinidade,
así coma producións non estreadas comercialmente e
mesmo censuradas. A organización desta actividade, que durou
ata os anos 80, foi a semente para o nacemento do cinema galego.
No
ano 1996 retomouse ese espírito e creouse o primeiro Festival
de Cinema Independente de Ourense / Ourense Film Festival (OFF), unha
iniciativa promovida polo cineasta Eloy Lozano que abriu as portas á
promoción do cinema galego e á exhibición de
películas de orixe europea e internacional.
O
impulso institucional definitivo debeuse ao Concello de Ourense, e
completouse en 1998 coa creación do Consorcio do Festival
Internacional de Cinema Independente de Ourense, constituído
polo Concello e a Deputación de Ourense.
Posteriormente
o Festival ampliou o seu espectro institucional co concurso de moitas
outras institucións asociadas, patrocinios e colaboradores.
Actualmente
é un dos festivais de cine na vanguarda do desenvolvemento do
audiovisual non só galego senón de todo o estado, cunha
grande participación iberoamericana, europea e internacional.
|