Mariano Llinás, Marilia Rocha e Jeannette Muñoz, protagonistas das retrospectivas do 22º OUFF

Mariano Llinás, Marilia Rocha e Jeannette Muñoz, protagonistas das retrospectivas do 22º OUFF
11/09/2017 ouff

De esquerda a dereita: Mariano Llinás, Marilia Rocha e Jeannette Muñoz.

 

  • Ourense acollerá a estrea española da primeira entrega de La Flor,o esperado regreso do cineasta Mariano Llinás, que acudirá á cidade para acompañar a súa retrospectiva.
  • Ao ciclo do cineasta arxentino uniránselle programas consagrados ás cineastas Marilia Rocha e Jeannette Muñoz.
  • A 22º edición do Festival de Cinema Internacional de Ourense celebrarase do 20 ao 27 de outubro.

 

Ourense, 11 de setembro do 2017. – O Festival de Cine Internacional de Ourense acollerá unha retrospectiva adicada ao cineasta arxentino Mariano Llinás. Completarán os focos os programas dedicados ás cineastas Marilia Rocha e Jeannette Muñoz. A 22ª edición do OUFF mantense así fiel á súa aposta por dar a coñecer a riqueza e diversidade das cinematografías iberoamericanas, trazando un mapa histórico fílmico que contempla unha perspectiva de xénero e unha mirada que traspasa as fronteiras do mercado.

Ficción e realidade, fotos, imaxes de arquivo, reais ou manipuladas, literatura escrita, oral ou en imaxes. O “relato total” de Mariano Llinás é dunha radicalidade realmente sinxela. Balnearios, La más bella niña, Historias extraordinarias ou os seus guións xunto a Santiago Mitre (Paulina e A Cordilleira, que chegará á carteleira nas próximas semanas) envólvennos nun bulebule de ideas – fondas, insólitas, sempre enxeñosas – coa emoción e o pulso do relato popular (o thriller, o western, a comedia, a intriga…). BAFICI, Mar del Plata ou Rotterdam son algúns dos festivais que se renderon á aventura do cinema de Llinás, cuxa excepcionalidade á marxe da industria non impediu que os seus traballos viaxasen de Bos Aires a Torino, Viena, Os Ánxeles ou As Palmas de Gran Canaria. Tras irromper no planeta cinema como un sismo con Historias Extraordinarias, Llinás virá a Ourense a acompañar a súa retrospectiva e a presentarnos a primeira parte de La Flor, outra narración monumental que o refuta como o máis lúdico dos heterodoxos.

Unha vez proxectada no OUFF, esta retrospectiva adicada ao cineasta arxentino viaxará ata o Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), a Filmoteca de Cantabria, o Festival Internacional de Cine IBAFF e a Filmoteca Española.

O foco centrado en Marilia Rocha recollerá as catro longametraxes da cineasta brasileira. Con Aboio (2005), Acácio (2008) e A falta que me faz(2009) Marilia pon en marcha un exercicio de memoria histórica a través dos recordos, imaxes e relatos persoais dalgunhas das comunidades brasileiras esquecidas polos dispositivos cinematográficos, documentos con todo esenciais para trazar unha identidade de Brasil. Expandindo as límites do cinema documental, os traballos de Marilia foron recoñecidos tanto en festivais especializados como nos máis prestixiosos festivais abertos ao cinema de vangarda (DocLisboa, Quincena documental do MoMA, Encontros Internacionais de Cinema Documental de Montreal, Karlovy Vary, Rotterdam, BAFICI…). En 2016 realiza a súa primeira película de ficción, A cidade onde Envelheço, aínda que afirma que «a ficción foi outra estratexia para traballar o documental doutro xeito». Así, Rocha válese da súa experiencia no campo documental para atopar a verdade na ficción, nun sensible traballo que volve virar ao redor da identidade e a terra.

Tamén apegado á procura, esta vez interior, atopamos o cinema da chilena Jeannette Muñoz. Aínda que autodidacta, o cinema de Jeannette Muñoz toma corpo en Zúric cando asiste aos programas curados por Ute Aurand, cineasta e docente de cinema experimental, clave na difusión e recuperación do cinema experimental feito por mulleres nas últimas décadas. Como a alemá, e cunha ampla bagaxe nas artes visuais, Muñoz atopa a súa forma de expresión nos 16 mm, con traballos que a levarán por centros de vangarda como o Xcéntric barcelonés, o Ligh Movement de Berlín ou o Palais de Glace de Bos Aires. Entre a súa produción destaca a seria Envíos, unha colección de cartas fílmicas sen retorno coas que reflexiona sobre as súas experiencias persoais á vez que se cuestiona sobre o cinematográfico. «Son secuencias, fragmentos, eventos, historias, momentos, segundos. Envíos habita simultaneamente o íntimo e o público. Cada Envío ten que ver con experiencias vividas con alguén ou que me lembran a alguén. Dediqueinos a amigos, cineastas, artistas, familiares, personaxes que forman parte da miña biografía. Pero unha biografía que non me nomea, porque se trata máis do outro, dun cruzamento de direccións interesante, pois está tamén o público que o ve nunha sala.»

O OUFF, que se celebrará entre os próximos 20 e 27 de outubro contará para esta edición cunha dotación económica de 30.000 euros para os seus filmes de Sección Oficial, que se dará a coñecer nas próximas semanas. Repartiranse, deste xeito, os seguintes premios: Calpurnia á Mellor Película da Competencia Iberoamericana (10.000 euros), Premio “Carlos Velo” á Mellor Dirección da Competencia Iberoamericana (5.000 euros), Calpurnia á Mellor Película da Competencia Operas Primas (10.000 euros) e Premio do Público á Mellor Película das dúas competencias (5.000 euros).