O Festival de Cine Internacional de Ourense presenta aos membros do seu xurado

O Festival de Cine Internacional de Ourense presenta aos membros do seu xurado
28/09/2017 ouff
  • Os encargados de escoller aos gañadores e gañadoras da Sección Oficial serán Elena Martín, Ramiro Ledo e Xacio Baño na Competencia Iberoamericana; e Xosé Ramón Rivas, Meghan Monsour e Blanca Martínez na Competencia Operas Primas.
  • O festival repartirá finalmente un total de 31.500 euros en premios entre os filmes da súa Sección Oficial a concurso.
  • O xurado de OUFF Escola estará composto por Sara Casasnovas, Héctor Domínguez-Viguera Queija, Ángeles Huerta, Manoli Maseda e Gregorio Ferreiro.
  • Continúa aberto o prazo para inscribirse no Xurado Universitario, ao que poderá presentarse ata o próximo 8 de outubro estudantado universitario matriculado na Universidade de Vigo.

 

De arriba a abaixo e de esquerda a dereita. XURADO DA SECCIÓN OFICIAL: Elena Martín, Ramiro Ledo, Xacio Baño, Blanca Martínez, Meghan Monsour e Xosé Ramón Rivas

 

O 22º OUFF, que terá lugar entre os próximos 20 e 27 de outubro, contará con diversas personalidades destacadas do sector audiovisual para escoller e entregar os premios correspondentes a esta edición.

O Xurado Oficial estará composto na Competencia Iberoamericana pola actriz e cineasta Elena Martín -directora do filme Júlia ist-, Ramiro Ledo -responsable de Cinema NUMAX e NUMAX Distribución- e Xacio Baño -cineasta galego e curtametraxista de espectacular traxectoria cuxas obras estiveron presentes en festivais como BAFICI, Mar del Plata ou Clermont Ferrand-. O Xurado da Competencia Operas Primas, pola súa banda, estará integrado pola xornalista e crítica Blanca MartínezMeghan Monsour -directora de programación de Ambulante Gira de Documentales- e Xosé Ramón Rivas -xestor cultural e programador de documentais do Festival Internacional de Cine de Edimburgo-, estes dous útimos co apoio de AC/E Acción Cultural España.

Alén disto, Begoña González, Helena Rodríguez e Carme Celis comporán o Xurado do Cineclube Padre Feijoo e serán as encargadas de representar á asociación para outorgarlle o Premio do Cineclube ao que designen como Mellor Filme da Competición Operas Primas.

 

De esquerda a dereita. XURADO DO CINECLUBE PADRE FEIJOO: Helena Rodríguez, Carme Celis e Begoña González

 

Aos anteriormente citados súmaselles tamén nesta edición o Xurado Universitario, convocado por primeira vez polo Festival de Cine Internacional de Ourense e a Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo. A través desta iniciativa ofrécese ao estudantado universitario a posibilidade de coñecer o funcionamento do OUFF e participar activamente no desenvolvemento do mesmo, xa que este xurado seleccionará un filme da Competencia Iberoamericana da Sección Oficial do festival para outorgarlle o Premio Xurado Universitario, dotado con 1.500 €.

As persoas que desexen formar parte deste Xurado Universitario deberán estar matriculadas ou matriculados nalgunha titulación da UVigo no curso 2017/2018, ter entre 18 e 27 anos e dispoñibilidade durante a celebración do festival (do 20 ao 27 de outubro de 2017). O prazo para facer a solicitude estará aberto ata o próximo 8 de outubro.

 


 

OUFF Escola: xurado e premios

O certame de cinema OUFF Escola ten como obxectivo impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, coñecer a visión desta sobre a súa contorna sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo, nunha linguaxe atractiva para o alumnado, que contribúa a xerar un espírito crítico. Este certame pretende, así mesmo, potenciar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros de ensino e crear un espazo de referencia para a mostra do audiovisual feito nas aulas.

Nesta edición do OUFF Escola, a cineasta Ángeles HuertaGregorio Ferreiro -asesor técnico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia-, o director Héctor Domínguez-Viguera Queija, a actriz Sara Casasnovas e Manoli Maseda -coordinadora territorial dos equipos de dinamización lingüística da provincia de Ourense- escollerán os proxectos gañadores nas categorías “Infantil e primaria” e “Outros niveis de ensino non universitario”.

 

De arriba a abaixo e de esquerda a dereita. XURADO DO OUFF ESCOLA: Gregorio Ferreiro, Manoli Maseda, Héctor Domínguez-Viguera Queija, Sara Casasnovas e Ángeles Huerta.