O Festival de Cine Internacional de Ourense presenta o seu Xurado Universitario

O Festival de Cine Internacional de Ourense presenta o seu Xurado Universitario
17/10/2017 AndreaOUFF
De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, XURADO UNIVERSITARIO: Cora Diz, Rebeca Lar, Ricardo Araújo, Nicolas Pérez e Lucía Estévez

 

  • O OUFF seleccionou para formar o Xurado Universitario a Cora Diz, Rebeca Lar, Ricardo Araújo, Nicolás Pérez e Lucía Estévez.
  • Este Xurado seleccionará un filme da Competición Iberoamericana do Festival para outorgarlle un premio de 1.500 euros.
  • A iniciativa forma parte do convenio de colaboración asinado polo Concello de Ourense e a Universidade de Vigo.

Cinco mozos e mozas de entre 21 e 25 anos formarán parte do  Xurado Universitario do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). A organización do OUFF coordinará as labores e actividades deste grupo de estudantes da Universidade de Vigo, que deberá valorar os filmes da Competición Iberoamericana para outorgar un premio de 1.500 euros. A creación do Xurado Universitario está enmarcada no convenio de colaboración que o Concello de Ourense e a UVigo asinaron recentemente para achegar a cultura cinematográfica á mocidade universitaria nesta 22ª edición do Festival.

O éxito da convocatoria fixo posible a selección dun Xurado de cinco membros con notable experiencia e formación arredor do cinema a pesar da súa xuventude, tanto na universidade (catro deles cursan o Grao en Comunicación Audiovisual da UVigo) como nas súas traxectorias fóra dela.

Así, á parte de estudar o citado Grao logo de ter rematado Publicidade, Cora Diz traballou xa ligada ao audiovisual como montadora ou axudante de produción, ademais de ser unha das fundadoras do festival universitario We Are Ads. Lucía Estévez compaxina os mesmos estudos coa súa participación en filmes como María (y los demás) ou Trote como auxiliar de cámara e o guion e dirección de proxectos persoais. O ourensano Nicolás Pérez desenvolve en paralelo ao Grao en Comunicación Audiovisual unha interesante carreira ligada á fotografía, con obras no marco do retrato ou as viaxes que foron seleccionados para concursos como o de novos talentos de Magnum Photos. Pola súa banda, Rebeca Lar é a única das compoñentes do Xurado que non estuda audiovisual (cursa o doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea), pero a súa traxectoria como artista conta con numerosos proxectos relacionados co cinema, especialmente coa técnica da metraxe atopada. O tamén ourensano Ricardo Araújo combina na súa formación e experiencia práctica a escritura cinematográfica con aspectos máis técnicos do audiovisual, como a edición ou a fotografía.