O OUFF acolle Platea. Los fotógrafos miran al cine, unha exposición de Acción Cultural Española (AC/E)

O OUFF acolle Platea. Los fotógrafos miran al cine, unha exposición de Acción Cultural Española (AC/E)
04/10/2017 ouff
De esquerda a dereita: Jesús Vázquez, Fran Gayo, Blanca Berlín, José Manuel Gómez,  Belén Iglesias.
Fotografía: Daniel Gallego

 

  • A exposición ubicarase na Praza Bispo Cesáreo dende o 4 ata o 29 de outubro.
  • Froito da colaboración entre entidade e o OUFF, o festival tamén contará coa presenza Meghan Monsour -directora de programación de Ambulante Gira de Documentales- e Xosé Ramón Rivas -xestor cultural e programador de documentais do Festival Internacional de Cine de Edimburgo- entre o seu Xurado Oficial.

 

O Festival de Cine Internacional de Ourense acolle dende hoxe a exposición Platea. Los fotógrafos miran al cine, que Acción Cultural Española (AC/E) terá instalada na cidade ata o próximo 29 de outubro. A mostra foi inaugurada esta mesma mañá baixo a presenza de Jesús Vázquez, Alcalde de Ourense; Belén Iglesias, Concelleira de Cultura e Educación do Concello de Ourense; José Manuel Gómez, coordinador de proxectos de de Acción Cultural Española (AC/E); Blanca Berlín, fotógrafa e comisaria da exposición e Fran Gayo, director do OUFF.

Tanto Fran Gayo -do OUFF- como José Manuel Gómez -de Acción Cultural Española (AC/E)- quixeron destacar na presentación a colaboración á través da cal a exposición se enmarca nesta vixésimo segunda edición do Festival. Ademais e tal e como puntualizaron, froito deste apoio da entidade ao Festival, Meghan Monsour -directora de programación de Ambulante Xira de Documentais- e Xosé Ramón Rivas -xestor cultural e programador de documentais do Festival Internacional de Cinema de Edimburgo-, visitarán Ourense como membros do xurado da Sección Oficial e participarán nas actividades deseñadas pola organización.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, pola súa banda, aproveitou a ocasión para adiantar que este ano “a cidadanía formará parte do festival moito máis que en anteriores edicións” e para agradecerlle a Acción Cultural Española (AC/E) que formen parte deste OUFF “achegando o noso festival a outros de diversos lugares do mundo”.

 

Fotografía: Daniel Gallego

 

A exposición: 40 olladas de autor

Platea. Los fotógrafos miran al cine, ubicada na Praza do Bispo Cesáreo, “presenta obras de arredor duns 40 profesionais da fotografía, unha disciplina irmá do cinema”, quixo puntualizar a comisaria da exposición, Blanca Berlín. Todas as obras que a compoñen son singulares exemplos da aproximación da fotografía ao mundo da sétima arte.

O cinema e a fotografía son dúas formas de creación artística que, unidas, conforman ademais unha relación dinámica innegable desde a aparición da cinematografía. A atracción da imaxe en movemento pola imaxe fixa é unha constante na historia do cinema, así como a influencia que a imaxe cinematográfica exerce sobre a arte fotográfica. Con esta mostra, Acción Cultural Española (AC/E) quixo incidir nesa fértil interacción entre dúas maneiras de mirar ao mundo e de mirarnos, a través da visión de corenta fotógrafos españois e a súa relación creativa coa chamada sétima arte. Nun momento no que as dúas formas de creación, debedoras desa mesma materia prima que é a luz, experimentan en España un extraordinario auxe, con realizadores cinematográficas de recoñecido  prestixio, dentro e fóra de España.