O OUFF acollerá na súa inauguración a preestrea de Trinta lumes, de Diana Toucedo

O OUFF acollerá na súa inauguración a preestrea de Trinta lumes, de Diana Toucedo
20/09/2017 ouff
  • As obras dos galegos José Manuel Mouriño, Carmen Bellas, Aser Álvarez, Andrés Goteira, Manuel Lógar, Héctor Carré, Sara Casasnovas, Jaione Camborda, Iván Nespereira, Hugo Amoedo e Ángel Santos estarán presentes nas diversas seccións da programación.
  • O público do festival tamén poderá ver en exclusiva as primeiras imaxes de Aquilo que arde, o último filme de Oliver Laxe, Premio Cidade de Ourense da pasada edición do OUFF.
  • Clausurará o festival o filme La ley de la frontera (1995, Adolfo Aristarain), rodada no Parque Nacional de Peneda-Gerês (Portugal) e nas catro provincias galegas.

 

Trinta Lumes, de Diana Toucedo

 

O Festival de Cine Internacional de Ourense contará nesta edición coas creacións de máis dunha ducia de representantes galegos ao longo da súa programación, tanto nas seccións paralelas como nas súas galas de apertura e clausura.

Trinta lumes, o gran esperado proxecto de Diana Toucedo filmado no Courel, será o filme escollido para a apertura desta vixésimo segunda edición do festival. Nesta longametraxe, a cineasta sumirá ao espectador “nunha viaxe a un mundo que pouco a pouco desaparece visto dende a perspectiva de tres mozas que o habitan”. Toucedo, que actualmente reside en Barcelona, é coñecida polos seus traballos como editora en longametraxes como La noche que no acaba do director Isaki Lacuesta, a animación Chico y Rita de Fernando Trueba ou O quinto evanxeo de Gaspar Hauser de Alberto Gracia. Diana debuta na longametraxe en 2010 con En todas as mans, documental que aborda a problemática dos montes comunais. En Trinta lumes, a directora volve sobre a materia (o cine) e a terra (Galicia), xa como unha das voces máis estimulantes do Novo Cinema Galego.

Por outra banda, o OUFF, na súa liña de pechar o festival cun filme que manteña unha estreita relación con Ourense, decidiu nesta ocasión escoller unha copia restaurada de La ley de la frontera (1995, Adolfo Aristarain). A longametraxe, que foi rodada entre o Parque nacional de Peneda-Gerês (Portugal) e as catro provincias galegas, está protagonizado por Aitana Sánchez-Gijón, Pere Ponce, Achero Mañas e Federico Luppi. No filme nárrase a historia de Joao e Xan, dous nenos procedentes de familias moi diferentes que nacen na fronteira galego-portuguesa. Vintentantos anos despois, os dous rapaces foxen dos seus respectivos destinos e as súas vidas atópanse na fronteira, onde se cruzarán cunha xornalista e un lexendario bandido. O público ourensano poderá gozar deste filme grazas ao Plan Recuperar, posto en marcha polo DAC-Directores Argentinos Cinematográficos- e GOTIKA, que leva a cabo a dixitalización de varios filmes para restauralos en formato dixital respectando a concepción orixinal dos seus creadores e creadoras.

La Ley de la Fronte, de Adolfo Aristarain

 

Obras galegas: estreas, debuts e adiantos

Nas diferentes seccións paralelas desta edición do Festival de Cine Internacional de Ourense, o público poderá atopar as longametraxes Pessoa/Lisboa, de Alberto Ruiz de Samaniego e José Manuel Mouriño;Una vez fuimos salvajes, de Carmen Bellas; Sísifo Confuso. Traballos e días de Francisco Leiro, de Aser Álvarez; Entre la ola y la roca, de Manuel Lógar; asistir á estrea galega de Dhogs, de Andrés Goteira ou ver por primeira vez Post truth times. We the media, de Héctor Carré, traballo que aborda a crise da pensa en papel e a posverdade. Este filme, que conta con diferentes personalidades como Noam Chomsky, Iñaki Gabilondo, María Cedrón ou Amy Goodman entre os seus protagonistas, xa puido verse como “work in progress” na pasada edición do festival.

No mundo da curtametraxe, o OUFF acollerá o debut como directora de Sara Casasnovas con Escarabana e a estrea de M. (Manuel Moldes Pontevedra Suite, 1983-1987), de Ángel Santos, pero tamén proxectará Rapa das bestas, de Jaione Camborda; Nueva Galicia, de Iván Nespereira; Europa,de Hugo Amoedo e fragmentos do proxecto documental sobre o laboratorio de restauración L’immagine ritrovata (Cineteca de Bolonia), de José Manuel Mouriño.

 

Aquilo que arde

 

Á espera de poder incorporar aínda novos títulos galegos á súa programación, dentro do marco do festival terá lugar a presentación internacional das primeiras imaxes de Aquilo que arde, última longametraxe aínda en produción do cineasta Oliver Laxe, que foi galardoado co Premio Cidade de Ourense no 21º OUFF. Laxe, que narra no filme a historia dun pirómano que vive nos Ancares, acompañou o pasado verán a brigadas do distrito XII Miño-A Arnoia durante o desenvolvemento do seu traballo para filmar material que servirá de referencia e que poderá utilizarse na montaxe final do proxecto. As dúas longametraxes previas de Oliver Laxe –Todos vós sodes capitáns e Mimosas– foron presentadas e premiadas no Festival de Cannes, sendo o primeiro cineasta español en conseguir ese recoñecemento consecutivo no máis prestixioso festival de cinema do mundo.