O OUFF presenta a súa programación completa

O OUFF presenta a súa programación completa
11/10/2017 ouff

Fotografía: Daniel Gallego

 

  • O Festival contará con 77 pezas procedentes de 23 países distintos.
  • As entradas para as sesións de pago poderán adquirirse a partir deste venres 13 a través da web do Festival, www.ouff.org.
  • Os convites para asistir á Gala Inauguran estarán dispoñibles na Oficina do Festival de Cine dende o mércores 18 de outubro.

Esta mañá presentouse a programación completa da vixésimo segunda edición do Festival de Cine Internacional de Ourense no Centro Cultural José Ángel Valente. Ao acto asistiron Belén Iglesias, concelleira de Cultura e Educación; Jacobo Sutil, director da AGADIC; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense; Jesús Vázquez Abad, alcalde de Ourense e Fran Gayo, director artístico do OUFF.

A concelleira de Cultura e Educación, Belén Iglesias, amosou a súa ledicia ao poder presentar unha nova edición do festival porque “apoiar o cine é a mellor homenaxe que se lle pode facer ao audiovisual”. Jacobo Sutil explicou que nos atopamos ante unha edición “na que se profundiza nas liñas establecidas xa o ano pasado poñendo o foco no cinema iberoamericano e as óperas primas” facendo un especial fincapé nos catro proxectos nos que a Agadic colabora especialmente: “o III Encontro Profesional de Coprodución Portugal-Galicia, ÁNCORA – I Foro de Posprodución para longametraxes en estado avanzado, o OUFF Escola e as proxeccións que o festival levará a cabo en colaboración do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)”.

No marco do festival e entre as 77 obras audiovisuais que se proxectarán, o público poderá atopar 15 pezas de directores e directoras galegos como José Manuel Mouriño, Carmen Bellas, Aser Álvarez, Andrés Goteira, Manuel Lógar, Héctor Carré, Sara Casasnovas, Jaione Camborda, Iván Nespereira, Hugo Amoedo, as Also Sisters e Ángel Santos. Arredor desta idea se situou Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, ao alegar que “facer cine en Galicia é posible, pero facer cine en galego é necesario”.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, pola súa banda, puxo sobre a mesa o “salto cualitativo e cuantitativo que dá o Festival de Cine Internacional de Ourense nesta edición”, que xirará “en torno ás raíces de cada un e o concepto de identidade. Porque somos entes vivos: sempre transformándonos, sempre en movemento, como demostra o cartel desta edición”. Vázquez quixo lembrarse tamén das actividades formativas e da creación de novas audiencias xa que “neste eido, temos o OUFF Escola, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ten o obxectivo de impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo. Temos tamén a mocidade traballando nos obradoiros de La Molinera, e entregaremos o Premio Cidade de Ourense a Cinema en curso”.

Esta última idea de diversificar público compartiuna o director do OUFF, Fran Gayo, que falou sobre a intención da organización de “non aumentar o festival no número de filmes, pero si despregalo ante a cidadanía” porque “un festival sen renovación de público o único que fai é envellecer e, co paso do tempo, só pode rematar sendo un festival enfermo”. Ademais, Gayo puntualizou que a Sección Oficial traerá ata Ourense unha competición con 19 filmes que optarán aos premios dentro dunha programación entre a que se atopan pezas procedentes de 23 países de todo o mundo.

A Sección Oficial desta edición estará composta por case unha vintena de filmes que ofrecerán a súa premiere española no 22º OUFF. Países como Costa Rica, México, Arxentina, Colombia, Rusia, Estados Unidos, Austria, Noruega, Brasil, Francia ou Taiwán. Os títulos que compoñen a Competición Iberoamericana e a Competición de Operas Primas son:

IBEROAMERICANA:
Amor, amor | Jorge Cramez | Portugal | 2017 | 107′
Atrás hay relámpagos | Julio Hernández Cordón | Costa Rica, México | 2017 | 88′
Era uma vez Brasília | Adirley Queirós | Brasil, Portugal | 2017 | 98′
Esa era Dania | Dariela Ludlow Deloya | México | 2016 | 72′
La noche polar | Florencia Romano | Arxentina | 2016 | 61′
La vendedora de fósforos | Alejo Moguillansky | Arxentina | 2017 | 69′
Las cinéphilas | María Álvarez | Arxentina | 2017 | 74′
Mariana | Chris Gude | Colombia | 2017 | 64′
Señorita María, la falda de la montaña | Rubén Mendoza | Colombia | 2017 | 90′
Vermelho russo | Charly Braun | Brasil, Rusia | 2016 | 90′

OPERAS PRIMAS:
69 Minutes of 86 Days | Egil Håskjold Larsen | Noruega | 2017 | 70′
Abschied von den Eltern | Astrid Johanna Ofner | Austria | 2017 | 80′
Baronesa | Juliana Antunes | Brasil | 2017 | 70′
Empathy | Jeffrey Dunn Rovinelli | Estados Unidos | 2016 | 83′
Garmonia | Lidia Sheinin | Rusia | 2017 | 62′
Kiss and Cry | Chloé Mahieu e Lila Pinell | Francia | 2017 | 80′
Los globos | Mariano González | Arxentina | 2016 | 65′
Mi último fracaso | Cecilia Kang | Arxentina | 2016 | 63′
Out there | Takehiro Ito | Xapón, Taiwán | 2016 | 142′

Reforzo das actividades gratuítas

Este ano o OUFF enriqueceu a súa programación paralela, ofrecendo máis de 20 actividades fóra das salas pero en diálogo constante coa proposta cinematográfica do festival. Máis aló da participación de directores e directoras en encontros e debates nos que compartirán as súas experiencias, a aposta do festival é achegar o cinema ao público dende diferentes vertentes artísticas e lúdicas. Deste xeito, presentaranse proxectos literarios e artísticos como Nueva Galicia ou El rinoceronte y el poeta, e os espectadores e espectadoras poderán gozar de dúas exposicións e ata cinco obradoiros diferentes, entre os que destaca a masterclass de efectos especiais que impartirá o experto arxentino Federico Ransenberg. A maiores, catro concertos alongarán o OUFF cara á noite e funcionarán de punto de encontro coa música de Soledad Vélez, Puma Pumku, Surma ou os Playback Maracas.

O 22 OUFF EN CIFRAS

Número de filmes a proxectar: 77Número de procedencias: 23 países distintos (Alemaña, Arxentina, Austria, Bélxica, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, Cuba, España, Estados Unidos, Francia, Italia, México, Noruega, Portugal, República Checa, República Dominicana, Rusia, Suiza, Taiwán, Venezuela, Xapón).

Número de filmes en Sección Oficial: 19 (10 na Competencia Iberoamericana e 9 na Competencia Operas primas)

Número de filmes galegos: 15

Número de actividades paralelas: 21 (obradoiros, concertos, exposicións, encontros profesionais e presentacións de proxectos)