O OUFF selecciona os proxectos de Tiago Hespanha, Alberto Gracia, Eloy Domínguez-Serén e Diana Toucedo para participar na primeira edición de ÁNCORA

O OUFF selecciona os proxectos de Tiago Hespanha, Alberto Gracia, Eloy Domínguez-Serén e Diana Toucedo para participar na primeira edición de ÁNCORA
06/10/2017 ouff
De arriba a abaixo e esquerda a dereita: Tiago Hespanha, Alberto Gracia, Eloy Domínguez-Serén e Diana Toucedo.

 

  • O comité asesor deste foro de posprodución estará formado por Ana Isabel Strindberg -programadora en Indielisboa e directora de Portugal Film-, Martin Pawley -crítico e programador- e Marília Rocha -cineasta-.
  • O proxecto axudará a filmes nunha fase de produción avanzada entregando un total de 11.000€ divididos en dous premios: o Premio Cinemar Films e o Premio NUMAX.
  • ÁNCORA é un proxecto organizado polo OUFF no que colaboran a Secretaría Xeral de Política Lingüística e AGADIC – Xunta de Galicia, patrocinado por Numax e Cinemar.

 

O OUFF vén de escoller os catro proxectos seleccionados para participar en ÁNCORA, o primeiro foro de posprodución para longametraxes en estado avanzado. O obxectivo do programa é ofrecer asesoramento e favorecer o investimento en proxectos cinematográficos a piques de rematar, axudándoos a que se completen nas mellores condicións posibles. Nesta primeira edición os proxectos participantes serán Campo(de Tiago Hespanha), Eco (de Alberto Gracia), Hamada (de Eloy Domínguez-Serén) e Puerto deseado (de Diana Toucedo).

En Campo, o portugués Thiago Hespanha sitúase na meirande base militar de Europa, para revelar o absurdo e manifestar a vida nas súas dimensións máis extremas: a guerra e a felicidade. Eloy Domínguez-Serén relata en Hamada a historia dun grupo de mozos amigos que viven nun campo de refuxiados no medio do pedroso deserto do Sáhara mentres que o director Alberto Gracia, pola súa banda, presentará en Eco a historia dunha ninfa de auga que foi castigada polos deuses. Diana Toucedo, en Puerto Deseado, emprenderá unha viaxe en barco co seu pai na última travesía do capitán nunha embarcación pesqueira embarcados nas xélidas augas do Atlántico sur.

 

Comité asesor

ÁNCORA contará cun comité asesor que terá como labor aconsellar aos cineastas logo das presentacións que se levarán a cabo a porta pechada. Nesta edición do OUFF, os asesores serán Ana Isabel Strindberg -programadora en Indielisboa e directora de Portugal Film-, Marília Rocha -cineasta- e Martin Pawley -crítico e programador-. Este comité será o encargado elixir que dous filmes levan os premios dos que ÁNCORA fai entrega: o Premio Cinemar Fims (premio de posprodución de Son en Cinemar Films valorado en 7.000 €) e o Premio NUMAX (premio de posprodución de imaxe no Laboratorio NUMAX, valorado en 4.000€).

 

Ana Isabel Strindberg estudou Literatura e Lingüística na Universidade da Sorbona e Historia da Arte na Escola do Louvre. En 1997 coñeceu ao cineasta João César Monteiro, co que traballou durante oito anos. Foi coordinadora de programación dos Encontros de Cine Documental de Malaposta e directora de Doclisboa. Actualmente é programadora en Indielisboa e dirixe Portugal Film, a axencia que promove o cine portugués internacionalmente.

Marília Rocha vive en Belo Horizonte (Brasil). Dirixiu os filmes Aboio (2005), Acácio (2008), A falta que me faz (2009) e A cidade onde envelheço (2016), mellor película nos festivais de Biarritz, Montevideo e Brasilia. Os seus traballos foron homenaxeados no Dockanema (Mozambique), o Festival Visions du Réel (Suíza) e a Semana dos Realizadores (Río de Janeiro). É compañeira de Clarissa Campolina e Luana Melgaço na produtora Anavilhana.

Martin Pawley (A Coruña, 1974) é crítico, programador e produtor de cinema (Costa da Morte de Lois Patiño, 2013). Dirixiu con Marcos Pérez o documental IIusiones visuales (2006) e a curta experimental Fogos (2017). Do que sente máis orgullo é dos obradoiros sobre cinema que dá cada semana na Coruña no Fórum Metropolitano e o Centro Ágora. A divulgación científica no campo da astronomía é outra das actividades coas que pasa o tempo.