O proxecto formativo Cinema en curso recibirá o Premio Cidade de Ourense do 22º OUFF

O proxecto formativo Cinema en curso recibirá o Premio Cidade de Ourense do 22º OUFF
08/10/2017 ouff

 

  • O programa propón un xeito de ver e facer cinema, pero tamén unha dinámica de aprendizaxe a través do propio audiovisual.
  • As impulsoras do proxecto, Laia Colell e Núria Aidelman, e a súa coordinadora en Galicia, Mónica García, acudirán a Ourense para recoller o premio dentro do marco do Festival.
  • Cinema en curso comezou a súa andaina en Cataluña no ano 2005, e a día de hoxe ten lugar tamén en Madrid, Arxentina, Euskadi, Alemaña, Chile e Galicia.

 

O Festival de Cine Internacional de Ourense entregará nesta vixésimo segunda edición do certame, o seu Premio Cidade de Ourense ao proxecto formativo Cinema en curso. Nesta ocasión, o Festival quere quere recoñecer a Cinema en curso non só o incalculable valor da súa labor de formación dun público sensible para o cine do futuro, senón tamén o seu desenvolvemento de novos métodos educativos a través dos medios audiovisuais, cos que transmiten valores necesarios de empoderamento, colaboración e reflexión.

 

 

Cinema en Curso. Que é?

No ano 2005, Laia Colell e Núria Aidelman impulsaron en Cataluña dende a asociación A Bao A Qu o proxecto Cinema en curso, un programa educativo que partía de tres grandes obxectivos: propiciar que as rapazas e rapaces descubriran o cine, explorar as potencias pedagóxicas da séptima arte e elaborar metodoloxías e propostas de transmisión do cine. Nos seus trece anos de traxectoria o proxecto asentou e internacionalizouse ata sumar a día de hoxe 380 obradoiros en Cataluña, Madrid, Alemaña, Euskadi, Arxentina, Chile e Galicia, onde o proxecto está coordinado polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) con Mónica García á cabeza e en colaboración co Plan Proxecta.

En palabras de Colell e Aidelman, Cinema en curso  “é unha pedagoxía do cine e ao mesmo tempo unha pedagoxía co cine e a través del”. O profesorado dos centros nos que se leva a cabo o proxecto colabora con profesionais dos diversos ámbitos do cinema (dirección, guión, montaxe, son) nunha metodoloxía que combina os visionados críticos de filmes coa práctica creativa. Deste xeito, fórmase ao alumnado como público, aproximándoos ao cinema como arte e non como produto de consumo, e ao tempo ofréceselles a posibilidade de expresarse subxectivamente a través do medio, elaborando as súas propias pezas en colaboración con cineastas de prestixio. Entre os equipos e docentes habituais de Cinema en curso podemos a topar a Carla Simón -candidata española aos Premios Oscar con Verano 1993-Jonás Trueba – Biznaga de Prata Premio Especial do Xurado no Festival de Málaga por Los exiliados románticos, Diana Toucedo -que inaugurará este OUFF coa preestrea do filme Trinta lumes-, Isaki Lacuesta –que ten gañado ou proxectado os seus filmes en festivais como BAFICI, D’A Film Festival, Festival de Sitges, Karlovy Vary, Festival de Málaga ou o Festival de San Sebastián-, Nely Reguera -directora de María (y los demás), multipremiado filme no pasado ano- ou Ángel Santos -Premio Nuevas Olas no Festival de Sevilla por Las altas presiones-.

As impulsoras do proxecto insisten a miúdo en que o seu funcionamento non trata o cinema como unha actividade extraescolar ou unha materia, senón como un concepto transversal e multidisciplinar. A aprendizaxe intégrase no horario lectivo e non se limita aos coñecementos cinematográficos nin ao alumnado: nos obradoiros póñense en práctica o traballo en equipo e o pensamento crítico sobre a realidade, e tanto o persoal docente como as e os cineastas xeran propostas, materiais e metodoloxías novas, extensibles despois a contextos educativos diversos. Como destacou Laia Colell, o programa busca “investigar como a través dos procesos de creación cinematográfica poden desenvolverse aprendizaxes tanto vencelladas a contidos curriculares como sobre todo aprendizaxes competenciais, persoais ou sociais”.