Camilo Restrepo & L’Abominable

Camilo Restrepo & L’Abominable

A programación deste foco -curada por Andrea Franco- presenta o traballo do cineasta colombiano Camilo Restrepo (Medellín, 1975) en diálogo cunha serie de autores cos que comparte intereses formais e de contido. Coma el mesmo, a maioría destes autores forman parte da cooperativa L’Abominable, situada nos arredores de París.

L’Abominable é un laboratorio de cineastas que traballan sobre todo en celuloide, con película Súper 8, 16mm e 35mm. Un obradoiro colectivo onde se comparten as ferramentas e o coñecemento destas, para que cada autor sexa quen de desenvolver o seu propio traballo intelectual e materialmente.

A escolla dun medio (o celuloide) case en extinción denota o seu interese por unha produción á marxe dos sistemas industriais de realización cinematográfica. Para Restrepo e os seus compañeiros de L’Abominable, a retirada do monopolio da industria sobre o celuloide a favor do dixital abriu as portas a unha produción autónoma por parte dos cineastas. Traballar en celuloide –filmando, revelando e montando– é para eles tomar conciencia do traballo enteiro de xestación da imaxe.

É crer nunha economía da imaxe que non se mide na cantidade de imaxes que poden facerse senón na súa calidade. Con poucos recursos económicos, os cineastas de L’Abominable deben concentrar os seus proxectos nunha metraxe reducida de película. Imaxinar a película, concibila a cegas sen filmar horas e horas de material, é a base do traballo. Medir a importancia dunha imaxe e a súa repercusión é, en certo modo, asumir unha posición ética fronte aos sistemas actuais de difusión.

Nos filmes de Camilo Restrepo, as imaxes aparecen sempre como contidos que deben interpretarse e que poden revelarse como verdadeiras armas políticas. A interpretación das imaxes –emitidas polos medios de comunicación ou producidas polos mesmos cineastas– é un traballo necesario e constante para evitar a manipulación. Unha vertente importante do traballo de Camilo Restrepo concéntrase en analizar as imaxes producidas no marco do conflito armado colombiano.

Andrea Franco e Camilo Restrepo