Encontros literarios de cinema nas librarías: Hitchcock, Joris Ivens, Found Footage

O Ourense Film Festival (OUFF) mantén nesta 28º edición a súa actividade especial na que literatura e cine se fusionan. Un encontro literario no que tres autores presentarán os seus últimos libros sobre cine en diferentes librarías da cidade: Eixo, Tanco e Kathedra, xa que o obxectivo do festival é abrir a programación a máis espazos.

Os Encontros Literarios comezan coa presentación do libro Alfred Hitchcock: el
niño que filmó el miedo, de Nuria Díaz. A ilustradora galega, a través dun exhaustivo
traballo de investigación e cunhas ilustracións cheas de arte, fai unha homenaxe única
ao cine e ás películas. Nesta obra adentrámonos no universo dun dos grandes directores da historia: Alfred Hitchcock, a súa infancia, os seus temores e todas as influencias que o converteron no mestre do suspense. Este encontro será o venres 22 de setembro, ás 20.00 horas na Librería Eixo (Rúa Cardenal Quevedo, 36).

O terceiro libro do galego Andrés R. Paredes, Grábalo todo: historia del found footage
protagoniza o segundo encontro. Na obra o autor fai un repaso polas orixes deste estilo (o mondo, o cine de caníbales, as falsas snuff movies) e analiza tanto películas e franquicias que xa pasaron á historia como outras máis descoñecidas polo gran público. Inclúe entrevistas a Nacho Vigalondo, Sarah Appleton, Rodrigo Cortés e Koldo Serra. A actividade será o martes, 26 de setembro, ás 19:30 horas na Librería Kathedra (Rúa Valle Inclán, 14).

Os Encontros Literarios de cine rematan coa presentación da monografía A expansión
do documental a través das curtametraxes de Joris Ivens (1898-1989), de Severiano Casalderrey. Ivens foi un dos máis grandes documentalistas do cine e Casalderrey procura achegar ao público a figura deste cineasta, testemuña coa súa cámara dos máis importantes cambios sociais, crises, guerras e revolucións do século XX. A presentación estará moderada por Manel Rodríguez, do Cineclube Padre Feijóo, o xoves, 28 de setembro ás 19:30 horas na Librería Tanco (Rúa Cardenal Quevedo, 22).