Mariano Llinás

Mariano Llinás

O cinema arxentino, esa entelequia multiforme, paradoxal e contraditoria, atopou en Mariano Llinás unha figura clave. A pesar de que o seu corpus filmográfico como director é acoutado en cantidade de títulos, a súa concepción do cinema marcou un punto de inflexión no cine arxentino. Cando as esixencias dos festivais repercutían nun formato estandarizado dos filmes arxentinos, que con pouco disimulo se adaptabae á estética do “poquitismo”, Mariano Llinás chegou para patear o taboleiro e izar a idea do regreso da (grande) aventura como motor do relato, sustentándose na (verdadeira) independencia como marco ideolóxico e estético sobre o cal edificar o seu cinema.

Balnearios, a súa primeira longametraxe, presenta unha visión corrosiva dos arxentinos durante as súas vacacións, combinación explosiva onde as haxa. Historias extraordinarias, verdadeiro fito do cinema independente arxentino, estende os lazos con Invasión de Hugo Santiago ao presentar un grupo de homes obcecados nunha misión insólita, ridícula, posiblemente destinada ao fracaso, á que se entregan por completo co fin último da revelación.

A retrospectiva complétase coa primeira parte de La Flor, megapelícula episódica aínda inconclusa, prodixio de produción que demandou case unha década de realización dende as marxes. Se hoxe os xéneros están de volta na ficción televisiva, Llinás apoderouse deles para corroelos internamente e extirpar de raíz as resolucións argumentais, ese vello conto herdado dende os tempos de Aristóteles.

Pero a grande aventura do cinema de Mariano Llinás é o seu carácter colectivo, xurdido do modelo creativo propiciado pola produtora El Pampero, que permitiu conxugar o personalísimo do cineasta co traballo grupal de cada un dos seus membros. Porque, como dixo Jonas Mekas, a historia do cinema é unha historia invisible: a de amigos xuntándose, facendo o que aman.

Sebastián Santillán