PERFORMANCES E CONCERTOS

PLAYBACK MARACAS

19.10 | 22:00 | EL PUEBLO CAFÉ CULTURAL

Playback Maracas é o proxecto musical dos cataláns Álex Pérez e Eloi Martínez. Xogan con loops e bases autoproducidas para crear unha experiencia multiinstrumental a pesar de partir do formato dúo: utilizan guitarra, baixo, sintetizadores, samplers, batería, percusións e vocoder. Con eses ingredientes fabrican unha mestura desacomplexada de electrónica cósmica, ritmos tropicais e psicodelia alucinada, na liña do Dan Deacon máis tolo. Son quen tanto de coller elementos do indie coma do house ou a cumbia, o que os levou a facer bailar a públicos de festivais tan prestixiosos como o Primavera Sound ou o Sónar dende o inicio da súa carreira en 2016.

SOLEDAD VÉLEZ

20.10 | 21:00 |GALA DE INAUGURACIÓN. AUDITORIO

Soledad Vélez non ten medo aos cambios. A súa carreira na música xa comezou logo de abandonar a súa carreira de arquitectura en Chile e marchar a Valencia, onde saíu adiante con traballos de supervivencia e realizou as súas primeiras gravacións. Co seu último disco, Dance and Hunt (Subterfuge, 2016), outro cambio: Vélez abandona o folk-pop dos seus inicios para coller os sintetizadores e meterse de cheo nunha electrónica de equilibrios insólitos, a un tempo bailable e experimental, salvaxe e sensible, pop e trance. Nesta edición do OUFF poderemos ver outra faceta máis do seu traballo, cunha actuación homenaxe á súa admirada compatriota Violeta Parra, figura clave da cultura latinoamericana, no centenario do seu nacemento.

SURMA

26.10 | 21:30 | EL PUEBLO


Surma é o proxecto one-woman-band de Débora Umbelino, portuguesa de Leiria que emprega teclados, samplers, cordas, voces e loop stations para explorar e construír sons que pasan do ambiental ao ruidoso, collendo elementos do jazz (probablemente influencia dos seus estudos de contrabaixo) pero tamén do post-rock. Todo culminado pola fráxil beleza da súa voz, dando lugar a unha música pouco habitual pero acolledora, íntima. A crítica comparou elementos do seu estilo con Björk ou Portishead, pero a mestura completa vai máis lonxe que os seus posibles referentes. A súa proposta complétase cunha elaborada identidade visual traballada con Casota Collective. O selo luso Omnichord Records publica este outubro o seu primeiro LP, Antwerpen.

PUMA PUMKU

21.10 | 22:00 | EL PUEBLO CAFÉ CULTURAL

Puma Pumku soen chamar a atención polos seus intensos directos, nos que confirman que o seu prestixio dentro da escena neopsicodélica actual é merecido: retorcen as súas cancións sen esforzo aparente, facéndoas atravesar atmosferas e sensacións completamente dispares. Non obstante, a súa capacidade para entusiasmar ao público nos concertos non sería tal se non fose pola calidade das súas composicións, que suman as melodías do pop sesenteiro máis clásico (Beatles, Bowie, Pink Floyd) a arranxos e texturas máis modernas para dar como resultado unha música elaborada e rica, pero nunca recargada. O seu único LP polo de agora, Is it in you? (Matapadre, 2014), producido por Roberto Mallo e Rodrigo Caamaño (Triángulo de Amor Bizarro), é boa mostra delo.

‘PROCESO HACIA UNA PELÍCULA’, POR JEANNETTE MUÑOZ

25.10 | 21:00 | CAFÉ & POP TORGAL

A cineasta chilena fará “unha improvisación en 16 milímetros”, na que experimentará coa súa metraxe montándoa en directo, amosando ao público o seu proceso de traballo.