PREMIO CIDADE DE OURENSE: CINEMA EN CURSO

PREMIO CIDADE DE OURENSE: CINEMA EN CURSO

Gala de entrega  26.10 | 13:00*

Coa presenza de Núria Aidelman e Laia Colell (fundadoras do proxecto) e Mónica García (coordinadora en Galicia a través do CGAI e o Plan Proxecta).

Cinema en curso é un programa de pedagoxía do cine que comezou en 2005 en Cataluña a través da asociación A Bao A Qu, e que actualmente tamén ten lugar en Madrid, Arxentina, Alemaña, Chile e Galicia, onde está coordinado polo CGAI en colaboración co Plan Proxecta, con Mónica García e Lucía Vilela a cargo. O proxecto ten dous obxectivos fundamentais: por unha banda, formar espectadoras e espectadores sensibles, activos e autónomos, con interese e capacidade de gozar de manifestacións culturais e cinematográficas diversas. Pola outra, desenvolver as potencialidades da creación de cinema na escola e o instituto.

Deste xeito, profesionais dos diversos ámbitos do cinema complementan os seus coñecementos cos do profesorado para impartir obradoiros de documental e ficción, ademais de desenvolver a modalidade de Pequeno cinema en curso para os grupos de 3 a 8 anos.

O proceso de descubrimento do cine por parte deste alumnado vai así vencellado tanto ao visionado de películas como á práctica creativa, ao tempo que o persoal docente se forma e o propio proxecto se artella como espazo de reflexión, dando pé dende a experiencia a novas propostas, materiais e metodoloxías extensibles a outros contextos educativos.

O proxecto cumpre con éxito o seu propósito de aproveitar o potencial pedagóxico do cinema. Como destacou Laia Colell, impulsora e directora do proxecto xunto con Núria Aidelman, buscan “investigar como a través dos procesos de creación cinematográfica poden desenvolverse aprendizaxes tanto vencelladas a contidos curriculares como sobre todo aprendizaxes competenciais, persoais ou sociais”. Durante as distintas edicións, o alumnado dos numerosos centros participantes puido colaborar con cineastas como Carla Simón, Ángel Santos, Diana Toucedo, Jonás Trueba, Nely Reguera, Jaione Camborda ou Isaki Lacuesta, obtendo como resultado filmes de auténtico valor que trasladan sensibilidades diversas e puntos de vista novos en todos os sentidos.