
O
Festival de Cine Internacional de Ourense presenta anualmente unha selección das producións cinematográficas e audiovisuais máis innovadoras e destacadas de Galiza, Europa, América Latina e o resto do mundo entre longametraxes, documentais, curtametraxes, filmes de animación e novos media procedentes de máis de 100 países distintos.
MISIÓN DO FESTIVAL
Definido como plataforma de desenvolvemento e promoción do cine e o audiovisual independentes, o Festival de Cine Internacional de Ourense pon o seu acento en tres obxectivos:
1.- Darlles visibilidade, servindo como plataforma promocional ante o público e os profesionais, ás obras cinematográficas e audiovisuais máis innovadoras e controvertidas producidas en Galiza e en todo o mundo, que contribúan ao entendemento mutuo de todas as culturas.
2.- Servir como punto de encontro en Galiza entre Europa, Iberoamérica e o resto do mundo, para a formación, desenvolvemento, coprodución e distribución do audiovisual galego e internacional.
3.- Servir como plataforma de traballo para o desenvolvemento e difusión da cinematografía e o audiovisual de ámbito galego e lusófono con proxección europea e internacional.
MASTERCLASSES, PROGRAMAS DE FORMACIÓN PROFESIONAL, PUNTO DE ENCONTRO
O impacto do Festival no sector profesional do cine e o audiovisual non só se debe ás proxeccións dos filmes da competición, senón tamén á participación de destacados expertos e profesionais internacionais que se dan cita nas mesas de debate dedicadas á formación, coprodución e mercado. Espazos deseñados para a reflexión e o impulso da actividade cultural / industrial do audiovisual.
NOVOS MEDIA E NOVAS TECNOLOXÍAS
O Festival non só ofrece un momento estelar de promoción e visibilidade ás longametraxes, senón tamén a documentais, curtametraxes e dende 2008 aos novos media, as obras máis controvertidas realizadas polas novas xeracións de creadores que incorporan o uso das novas tecnoloxías.
PUNTO DE ENCONTRO AUDIOVISUAL DE GALIZA
Ourense, durante o Festival, é un punto de encontro cinematográfico internacional que permite participar ao público e aos profesionais nas iniciativas de creación e difusión de novos proxectos e na xestación do propio festival como ferramenta e motor da arte e da industria audiovisual de Galiza, Europa, América Latina e moito máis...
UN POUCO DE HISTORIA DO FESTIVAL
Ourense é terra de cineastas e sempre estivo vencellada ao cinema grazas ao labor de importantes directores de cine ourensáns, como
Carlos Velo,
Antonio Román,
Chano Piñeiro e moitos otros.
Ourense foi pioneira en Galicia a mediados dos 70 coa organización das
“Xornadas de Cine”, todo un referente para a historia do cine de Galiza.
As “Xornadas” permitiron ao público ver por vez primeira producións de Galiza rodadas en 16 mm e exhibidas case na clandestinidade, así coma producións non estreadas comercialmente e mesmo censuradas. A organización desta actividade, que durou ata os anos 80, foi a semente para o nacemento do cinema galego.
En 1996 presentouse o primeiro
Festival de Cine Independente de Ourense / Ourense Film Festival (OFF), unha iniciativa promovida polo cineasta
Eloy Lozano, que abriu a puerta á promoción do cinema galego e á exhibición de películas de orixe europea e internacional.
O impulso institucional definitivo debeuse ao Concello de Ourense, e completouse en 1998 coa creación do
Consorcio do Festival Internacional de Cinema Independente de Ourense, constituído polo Concello e a Deputación de Ourense.
Dende a súa creación, varios equipos ocupáronse da súa xestión e dirección. Equipos a cargo sucesivamente de D.
Eloy Lozano, D.ª
Beatriz Anguiano, D.
José Araújo e D.ª
Nora Sola, que contaron con directores / programadores do Festival como o crítico cinematográfico D.
César Silva e que situaron ao Festival entre as actividades cinematográficas máis destacadas de Galiza.
En outubro de 2007 o Consorcio do Festival, presidido primeiro por D.
Alexandre Sánchez Vidal, Tenente Acalde de Ourense, e posteriormente por D.ª
Isabel Pérez, Concelleira de Cultura, designou a D.
Enrique Nicanor como director do Festival, quen definiu a súa vontade de dar un xiro profesional ao evento e reforzar o seu papel como instrumento para o desenvolvemento da industria audiovisual no contexto galego, europeo e internacional.
A 13 edición de 2008 mudou as datas de novembro a outubro para non coincidir con outros festivais coma Huelva, Tesalónica ou Cineuropa en Santiago de Compostela. Creouse un espazo central para o Festival no Auditorio Municipal de Ourense. Implementouse o sitio web como ferramenta principal de comunicación, promoción e xestión. Cómpre destacar desde entón a participación no Festival dun comité de selección e un xurado integrados por profesionais cunha alta participación internacional.
Desde 2009 as inscricións de películas a concurso realízanse online e en tempo real.