|
Organiza:
en colaboración con

|
|
+CINE: unha alternativa estable ao circuito comercial
Logo de cinco meses de programación ininterrompida, o programa +CINE que desenvolven conxuntamente o Festival de Cine de Ourense (OUFF) e o Cineclube Padre Feijóo fai análise: preto de seis mil espectadores acoderon ás salas de cine, sendo a media de espectadores por película de 307.
O +CINE, que naceu coa vocación de continuar o camiño de colaboración iniciado en 2011, Un Espazo de Cine, e converterse en cita fixa para os mércores, acadou un dos seus obxectivos fundamentais: o de fidelizar semanalmente un público ávido de cine alternativo ao circuito comercial cunha valoración sobresaliente (de 4,60 puntos sobre un máximo de 5 segundo a enquisa de satisfacción realizada o último día de actividades).
O número total de espectadores ascendeu a 5.829. Por títulos, a francesa Un deus salvaxe, de Roman Polanski, con 471, e a iraniana Nader e Simin, con 442, foron as que mellor entrada rexistraron. Esta última foi, ademais, a película mellor valorada polo público nas enquisas (4,47 sobre 5), seguido da traxicomedia Pequenas Mentiras sen importancia (4,43) e pola mencionada Un deus salvaxe (4,28). O ciclo mellor valorado en conxunto foi o Marzo Francés, sendo tamén o que maior público congregou: 384 espectadores de media por película seguido do ciclo de xaneiro, dedicado ao palmarés da 64ª edición de Cannes, con 344.
Despois do éxito do programa +CINE, no que hai que destacar o bo entendemento entre OUFF e Cineclube, así como o apoio da Concellaría de Cultura e da Federación de Cineclubes de Galicia, planéase proseguir coa actividade de difusión cinematográfica. En calquera caso, esta excelente acollida do +CINE deixa claro que o público de Ourense agradece unha aposta decidida polo cine de calidade e reclama, mesmo de forma explícita, máis cine.
BAIXO AS ESTRELAS
"Unha alternativa cinematográfica para as noites de verán" foi, dende a súa primeira edición, a filosofía do programa Baixo as Estrelas. Catro anos despois, esta intención xa se consolidou dentro da programación cultural do verán, e a cita dos venres na praza de san martiño é xa todo un clásico destas datas. Esta semana, arrinca unha nova edición do Baixo as Estrelas organizado polo Festival de Cine Internacional de Ourense e pola Concellaría de Cultura que, en 2012, ofrecerá unha escolla das mellores curtametraxes que pasaron polo circuíto dos festivais estatais ao longo de 2010 e 2011.
O pequeno formato, posiblemente o máis agradecido polo público ourensán para o cinema ao aire libre, é unha das mellores oportunidades para ver os primeiros pasos dos cineastas máis talentosos do panorama. Xogos de estilo moi particulares para amoldarse á pequena metraxe e tácticas narrativas que tratan de lograr o maior impacto posible no menor espazo de tempo. A escolla da programación de verán, en colaboración con Promofest, vén cargada de historias cotiás con prismas sorprendentes, relacións humanas e, sobre todo, moito humor.
O Baixo as Estrelas terá lugar todos os venres de xullo e de agosto -nove en total, sendo a última delas unha sesión sorpresa para o público ourensán- ás 23:00 horas na praza e San Martiño. A asistenza é de balde.
|
|



|