Galego
Español
English
Bases do Festival
         
Organiza:

17OUFF_ouffescola.jpg

 
 
 
 

  Bases 17º Festival de Cine Internacional de Ourense
2 ao 11 de novembro de 2012

 
CONVOCATORIA

O Festival de Cine Internacional de Ourense celébrase anualmente. Desde a súa primera edición en 1996, o Festival consolidouse en Galiza como concurso e mostra das producións máis destacadas do cinema independente de todo o mundo, apostando polas películas máis tematicamente comprometidas e formalmente innovadoras, como punto de encontro para profesionais do sector e como unha das principais plataformas promotoras do audiovisual de Galiza.

En 2011, o concurso do 16º Festival recibiu 1.914 filmes procedentes de 95 países. Durante os seus dez días de duración, as súas 7 salas proxectaron 191 películas (118 delas en competición y 73 nas seccións paralelas).

Coa publicación destas Bases 2012, o Consorcio para o Festival de Cine Internacional de Ourense convoca a 17ª edición do Festival, que terá lugar do 2 ao 11 de novembro de 2012.


BASES


1. SECCIÓNS COMPETITIVAS

A Competición Internacional do 17º Festival estará composta por unha sección oficial: a Competición de Longametraxes, que estará dotada de 23.000 euros en premios. Ademais, poderá haber ciclos paralelos integrados por filmes non seleccionados para a competición pero que o Festival considerase de especial relevancia.

Á Competición de Longametraxes poderán presentarse obras de ficción e de imaxe real de máis de 60 minutos de duración.


2. QUEN PODE CONCURSAR

Poderán concursar todos aqueles produtores, directores e distribuidores que posúan o debido control legal sobre as obras que presenten a concurso.

A persoa ou entidade (ou o seu representante) que asine o formulario autorizando a inscrición será considerado polo Festival como único interlocutor para tratar aspectos relacionados coa participación da película no evento e como único responsable fronte a outras persoas ou empresas que participasen na produción da película.


3. REQUIRIMENTOS

3.1. As películas deberán estar producidas en 2011 ou 2012.

3.2. Non poderán terse exhibido comercialmente en España en salas públicas (agás en festivais) ou televisión (agás emisións codificadas e/ou cobertura territorial restrinxida) antes do 12 de novembro de 2012.

3.3. Non poderán terse editado comercialmente en DVD antes do 12 de novembro de 2012.


4. INSCRICIÓN NO CONCURSO

Para inscribir a súa película debe seguir estes pasos:

4.1 Encher o formulario de inscrición dixital que aparece na páxina web www.ouff.org e remitilo vía online ao Festival.

4.2 Para completar a inscrición, deberá enviar ás oficinas do Festival unha copia impresa do devandito formulario debidamente cuberto e asinado. Inclúa no sobre os seguintes materiais:

  • Unha copia do filme. A copia deberá chegar en formato DVD PAL con menú que conteña (preferiblemente se o idioma orixinal é galego ou castelán, imprescindiblemente nos demais casos) unha pista de subtítulos en inglés
  • Tráiler. En caso de non ter tráiler, envíe unha selección de imaxes extraidas do filme (mínimo: 30 segundos)
  • Lista dos diálogos ou do texto da narración (en galego, castelán ou inglés) en formato .txt e ou .ssa ou .ass, con códigos de tempo para sincronizar os subtítulos que se correspondan cos tempos da copia do filme
  • Fotogramas de alta resolución da película, en formato dixital (300 dpi ou máis) 
  • Fotografía de alta resolución do director (ou directores), en formato dixital (300 dpi ou máis)
  • Materiais de promoción (cartel e outros elementos de publicidade, información para prensa, etc.)


5. FIN DOS PRAZOS DE INSCRICIÓN E RECEPCIÓN

O prazo de inscrición online pecharase o 24 de agosto de 2012 ás 23:59 (hora local de Ourense). Para as películas inscritas, o prazo de recepción nas oficinas do Festival das copias e demais materiais requiridos pecharase o 31 de agosto de 2012 ás 14:00 (hora local de Ourense).

Envíos por correo postal a:

Festival de Cine Internacional de Ourense
Apartado 664,
C.P. 32080,
Ourense, Galiza,
España

Envíos por courier a:

Festival de Cine Internacional de Ourense
Praza do Auditorio Municipal
Rúa Canle Nº 2,
C.P. 32004,
Ourense, Galiza,
España


6. CATÁLOGO E MATERIAL DE PROMOCIÓN

As produtoras e distribuidoras das películas seleccionadas facilitarán todo o material necesario para a elaboración do catálogo do Festival que lles sexa solicitado polo Departamento de Publicacións do Festival.

Para o seu uso con fins publicitarios e informativos vencellados ao evento, o Festival poderá divulgar materiais das películas inscritas (fotogramas, carteis, fichas, fragmentos do guión, textos de prensa, etc.). Os participantes autorizan a difusión de até tres minutos de imaxes das devanditas películas en calquera medio de comunicación.


7. SELECCIÓN

Un comité de selección independente designado pola organización escollerá as películas que competirán nas seccións oficiais.


8. EXHIBICIÓN

Durante a celebración do certame, do 2 ao 11 de novembro de 2012, a organización resérvase o dereito de exhibir as películas seleccionadas nas salas cinematográficas e espazos vencellados ao Festival en cantas sesións públicas estime conveniente. A este respecto, as produtoras e distribuidoras cederán os dereitos para a exhibición pública das súas películas sen custo algún para o Festival. A organización establecerá a orde, data e horario de exhibición.

COPIAS DE EXHIBICIÓN

As proxeccións da Competición de Longametraxes faranse en 35mm ou en formato dixital. A persoa ou entidade que inscribise a película seleccionada deberá facilitar gratuitamente ao Festival a copia de proxección.

Os custos de transporte do envío das copias ata Ourense, incluídos os impostos de alfándega correspondentes, serán pagados pola persoa ou entidade que inscribise a película. Na etiqueta do envío deberá especificarse o texto seguinte: "Para usos culturais soamente / Sen valor comercial".  

Copias en formato dixital:

Co consentimento dos seus propietarios, as copias (screeners) enviadas como material de inscrición poderían utilizarse para as proxeccións no Festival. Estas copias deberían ter o códec de vídeo H264 e unha resolución mínima de 720p para garantir a calidade da proxección.

As copias dos filmes, tráilers e o resto do material enviado ao concurso non serán devolvidos, e pasarán a formar parte dos arquivos do Festival.

Copias en 35mm:

A copia en 35mm deberá chegar á sede do Festival 7 días antes da súa data de proxección. De non ser así, a organización podería retirar o filme da competición. A devandita copia enviarase en bobinas claramente numeradas e deberá permanecer en Ourense até o 12 de novembro de 2012.

Unha vez finalizado o concurso, o Festival pagará os custos de devolución das copias en 35mm ao enderezo de orixe ou distancia similar.

O seguro contratado polo Festival para a copia en 35mm cobre os riscos de incendio, perda, roubo, dano ou destrución desta durante o período comprendido entre a súa chegada á sé do Festival e a data da súa devolución. A responsabilidade do Festival será limitada e, en calquera caso, non superará o custo dunha nova copia estándar, segundo as tarifas en vigor nos laboratorios españois.

O prazo máximo para efectuar calquera tipo de reclamación sobre unha copia en 35mm devolvida será de 30 días a partir da data do envío dende Ourense. Durante ese prazo, a copia non debe terse exhibido en público.


9. XURADOS

Os premios da sección oficial competitiva serán outorgados polo seu correspondente xurado, designado pola organización.

O xurado non poderá declarar deserto ningún premio nin concedelo ex aequo.
 
O xurado poderá conceder as mencións especiais (sen dotación económica) que considere oportunas.

O xurado podería outorgar excepcionalmente unha única vez dous premios a unha mesma película.

O premio do público concederase ao filme que obteña unha maior puntuación ponderada en función dos votos emitidos polos espectadores tralas proxeccións.

As decisións do xurado e do público serán inapelables.


10. PREMIOS
 
10.1. PREMIOS OFICIAIS CON DOTACIÓN ECONÓMICA:


Gran Premio Calpurnia á Mellor Película:
12.000.- Euros
 
Premio do Público á Mellor Película:
5.000.- Euros
 
Premio “Carlos Velo” ao Mellor Director:
3.000.- Euros
 
Premio Especial do Xurado:
2.000.- Euros
 
Premio ao Mellor Guión:
1.000.- Euros


10.2. PREMIOS SEN DOTACIÓN ECONÓMICA:

PREMIO HONORÍFICO “CIDADE DE OURENSE” Á TRAXECTORIA PROFESIONAL

O Festival, se o estima oportuno, poderá outorgar un premio honorífico a un profesional das áreas artística ou técnica en recoñecemento aos méritos alcanzados durante a súa traxectoria no medio audiovisual.

PREMIO DO XURADO NOVO

O Festival reunirá a un xurado novo, composto por espectadores menores de 30 anos, para que concedan un premio á que consideren a mellor película de entre todas as da Competición de Longametraxes.

OUTROS PREMIOS

Ademais dos premios concedidos polos xurados oficiais, los filmes seleccionados para a competición poderán optar por outros galardóns non contemplados nestas bases, entregados por institucións, organizacións ou empresas.


11. TROFEO DO FESTIVAL E PRESENZA NA CERIMONIA DE CLAUSURA

Os gañadores de todos os premios recibirán un trofeo representativo do Festival. Para isto, será imprescindible que o premiado ou un representante deste estea presente na cerimonia de clausura do Festival.


12. ACEPTACIÓN E PAGO DOS PREMIOS

12.1. DOCUMENTACIÓN ADMINISTRATIVA
 
O pago de todos os premios está suxeito ao que determinen as normas fiscais en vigor en España. Nun prazo máximo de 60 días, contados a partir da data de clausura do evento, as persoas e entidades premiadas deberán facilitar ao Festival os datos e documentos necesarios para cumprir coas esixencias fiscais, que son os seguintes:

1. Fotocopia de documento de identificación
2. Certificado de conta bancaria
3. Declaración de residencia fiscal

Pasado o devandito prazo sen cumprir este requirimento, os premiados non terán dereito a ningunha compensación.

12.2. MENCIÓN NO MATERIAL AUDIOVISUAL

Ao inscribiren as súas películas, os participantes aceptan que no caso de obteren algún dos premios outorgados polo Festival, incluirán unha referencia escrita á concesión do devandito premio ao comezo de todas e cada unha das copias da película que distribúan para a súa exhibición en salas comerciais e/ou en certames audiovisuais, así como en todo o material informativo e promocional impreso (press-books, carteis, etc.). A devandita referencia consistirá nun texto co tipo de premio outorgado, acompañado invariablemente da imaxe corporativa (logotipo e nome) do Festival de Ourense, os cales lles serán facilitados, canda as súas normas de uso, pola organización do mesmo.
 
Esta referencia ao premio do Festival deberá aparecer así mesmo nas versións en soporte dixital ou de calquera tipo que se exhiban e comercialicen destas películas. As empresas produtoras deberán remitir ao Festival unha copia do filme na que se inclúa a mención do premio para o seu arquivo.


13. AUTORIZACIÓN PARA EXHIBICIÓNS NAS SECCIÓNS PARALELAS

Ao encher o formulario de inscrición solicítaselle a súa autorización para que, en caso de non ser seleccionado para a competición, o Festival poida proxectar o seu filme nunha das seccións paralelas non competitivas, beneficiándose da publicidade e promoción do Festival.


14.  ARQUIVO / MEDIATECA

Os filmes seleccionados pasarán a formar parte do fondo videográfico do Festival, destinado á difusión audiovisual sen ánimo de lucro, sempre de carácter cultural. En calquera caso, o Festival de Ourense comunicará aos participantes o uso que se faga destes filmes.


15. INFORMACIÓN ADICIONAL

A inscrición no 17º Festival de Cine Internacional de Ourense implicará a total aceptación das presentes bases por parte de todos os participantes e os seus axentes e representantes.

Unha vez efectuada a selección dunha película polo Festival para calquera das súas seccións, esta non poderá ser retirada da programación nin presentada comercialmente en España antes da súa proxección en Ourense.

En caso de incumprimento por parte dun concursante das regulacións ou as especificacións técnicas do Festival ou en resposta a condutas que afecten o bo desenvolvemento do evento, a organización poderá cancelar a participación do seu filme.

O Festival poderá engadir as normas e disposicións complementarias que estime oportunas para a mellor realización do evento. A interpretación das devanditas bases, normas e disposicións, así como doutros aspectos non contemplados nestas, será competencia exclusiva da organización do Festival.

En caso de litixio, soamente serán competentes os tribunais da cidade de Ourense.
 
Descagas:

Bases do festival (.pdf)

 
 
 
Política de privacidade  |  Termos de uso  |  Festival de Cine Internacional de Ourense Copyright © 2008