Galego
Español
English
O CGAI recupera a produción de Eloy Lozano
 [CGAI.org] O Centro Galego das Artes da Imaxe, o CGAI, vén de exhibir unha nova copia das producións de Eloy Lozano, recuperadas a partir do negativo orixinal depositado pola viúva de Eloy Lozano, María de las Cuevas.
Cineasta e guionista galego nado en Ourense en 1953 e falecido o pasado 14 de abril de 2010, Eloy Lozano dirixiu –moi novo- a primeira curtametraxe galega en 35 mm., Retorno a Tagen Ata (1974), adaptación do relato homónimo de Xosé Luis Méndez Ferrín. Logo desta peza desenvolve varios traballos de corte documental (Os oleiros, 1975 ou El castaño, 1979), prepara unha versión d’A esmorga de Eduardo Blanco Amor que non chega a concretarse e, coa colaboración do Museo do Pobo Galego, recupera o documental de Antonio Román El hombre y el carro (1940).
retornoatagenata.jpgA partir dos anos 80, sobre todo coa creación da súa empresa “Eloy Lozano Publicidad”, aplícase en tarefas –que nunca abandonará- en ámbitos ben heteroxéneos dentro do audiovisual, como artista plástico, fotógrafo, videoartista, deseñador ou publicista. Crea e dirixe a primeira edición de OFF (Ourense Film Festival) en 1996 e regresa ao cine, realizando a súa única longametraxe, Bellas durmientes (2001), versión da novela do Premio Nobel xaponés Yasunari Kawabata. As dúas sesións dedicadas a Eloy Lozano no mes de marzo recollen, como tributo, unha selección do máis importante da súa produción.  
Agradecementos: María de las Cuevas, Xosé Luis Méndez Ferrín.

RETORNO A TAGEN ATA
(España, 1974)
Dirección e guión: Eloy Lozano, sobre a narración homónima de Xosé Luis Méndez Ferrín. Produción: Praia Lenta Films. Fotografía: Tucho Rodríguez e A. Ballesteros. Intérpretes: Delfina Meire, José de Lage. Duración: 17 minutos.
Unha militante dunha organización clandestina no exilio retorna para contactar coa resistencia nun  país carente de liberdades. Primeira curtametraxe rodada en Galicia en 35 mm. Con música de Pink Floyd e tomando como base a célebre narración literaria de Xosé Luis Méndez Ferrín.
 
OS OLEIROS
(España, 1975)
Dirección e guión: Eloy Lozano. Produción: Ana Fernández Puentes. Fotografía: Guillermo Santoro, Fernando del Río e Xoán C.F. Pulpeiro. Duración: 21 minutos.
Documental sobre artesáns fabricantes de cerámica popular galega. 
 
EL CASTAÑO
(España, 1979)
Dirección, guión, produción e fotografía: Eloy Lozano. Duración: 11 minutos.
Documental didáctico sobre os castiñeiros rodado en 16 mm. 
 
NUMERALIA

(España, 1988)
Dirección, guión e produción: Eloy Lozano. Duración: 3 minutos.
Videocreación con combinacións de cores e números en diversos planos.
 
ENTREVISTA
(España, 1994)
Dirección e guión: Eloy Lozano. Produción: Eloy Lozano Producións. Fotografía: Augusto Fernández Balbuena. Duración: 10 minutos.
Unha muller diríxese, a través dunha cidade populosa, á casa dun home que a está agardando. El móstrase remiso a identificarse e a que o vexan, iniciándose unha conversa tensa acerca do pasado da muller —a súa relación violenta co marido—, do que xa está liberada.

 
Privacy Policy  |  Terms of Use  |  Ourense International Film Festival