Galego
Español
English
A banda sonora de A tropa de trapo consegue catro candidaturas aos premios Goldspirit
tropa[Agapi.org] 12|04|2011. A web especializada en bandas sonoras Mundo BSO outorga cada ano os premios Goldspirit por votación dos seus internautas. Para a edición deste ano a composición de Zeltia Montes para a película de animación A tropa de trapo é finalista nas categorías de mellor banda sonora española, mellor canción orixinal ¿Y a ti quién te peina?, mellor banda sonora de animación e mellor compositor español. Os galardóns entregaranse o vindeiro mes de xullo no VII Festival Internacional de Música de Cine de Úbeda.
A banda sonora de A tropa de trapo compite con bandas sonoras de todo o mundo e con varias composicións finalistas aos premios Oscar deste ano. As votacións aínda están abertas na web www.bsospirit.com. Ademais a composición de Zeltia Montes tamén é finalista aos premios Mestre Mateo que se entregarán o vindeiro 17 de abril.
Zeltia Montes está tamén detrás da banda sonora doutra película galega, Pradolongo de Ignacio Vilar. Aquela foi a súa primeira banda sonora para unha longametraxe de ficción e con ela xa recolleu prestixiosos premios como o Premio Goldsmith á mellor banda sonora e ao mellor compositor novel e foi finalista dos premios Hollywood Music in Media Awards.
A tropa de trapo é unha longametraxe de animación de Continental Producciones, Abano Producións e Anera Films para o público infantil. A película gañou o premio Gaudí á mellor longametraxe de animación e foi finalista na mesma categoría dos premios Goya. O título chegou aos cines o pasado 29 de outubro cando se converteu na primeira película de animación española que se estreou en 3D estereoscópico. A película, dirixida aos nenos de entre 3 e 7 anos, recolle as aventuras de Mumu, Rita, Milo, Talalo, Olga e Alfred.
Todos eles compoñen un grupo de simpáticas mascotas de trapo. Xuntos cativarán aos máis pequenos, ademais de ofrecerlles a oportunidade de aprender e consolidar valores tan importantes como o de aceptarnos e querernos tal e como somos.

 
Política de privacidade  |  Termos de uso  |  Festival de Cine Internacional de Ourense Copyright © 2008