Galego
Español
English
O Festival de Cans estreará premios
cans [Agapi.org] 12|04|2011. O Festival de Cans afianza a súa relación coas asociacións profesionais do sector ao contar nesta edición co apoio das asociacións de guionistas e de actores e actrices, que patrocinarán tres premios, os de Mellor actor, Mellor actriz e Mellor guión, un galardón de nova creación.
A asociación cultural Arela, organizadora do Festival, recorda que coa incorporación destes tres galardóns, que contarán cada un deles cunha dotación de 200 euros, o Festival de Cans repartirá na súa oitava edición máis de 6.000 euros en premios. O Festival ratifica así de forma indiscutible o seu apoio aos novos creadores e creadoras, facendo un esforzo extra en momentos de gran dificultade para atopar financiamento. Nestes momentos a organización traballan na selección final das curtametraxes e na xestión da presenza no Festival de figuras relevantes e moi coñecidas no ámbito do cine español.
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) achegará a dotación económica para os premios á mellor actriz e ao mellor actor, recoñecementos que naceron na terceira edición do Festival e que este ano incorporan un premio en metálico de 200 euros. O presidente da AAAG, Antonio Durán Morris, asegura que o futuro do audiovisual en Galicia esixe que nos liberemos un pouco da dependencia das institucións e que, para iso, as asociacións profesionais temos que ser cada día máis fortes e independentes, temos que tomar a iniciativa e apoiar entre todos os eventos e festivais que consideramos prioritarios e necesarios en Galicia.
Colaborar co Festival de Cans é un orgullo para nós, asegura Morris, xa que é un evento consagrado co que esperamos manter unha relación duradeira. Para a AAAG o recoñecemento aos actores e actrices no Festival de Cans é fundamental, porque as curtas son un terreo de precariedade total e, con todo, desbordan creatividade e orixinalidade e a súa traxectoria pode ser fundamental para o noso cine.
Pola súa banda, a Asociación Galega de Guionistas (AGAG) patrocinará o Premio do xurado ao Mellor Guión, un galardón que se concederá este ano por primeira vez e que contará cunha dotación económica de 200 euros. O presidente de AGAG, Carlos Ares, recorda que este premio é unha reivindicación do traballo dos guionistas, tantas veces esquecidos, que son os creadores das historias que se contan e que tanto nos emocionan e afirma que ao mesmo tempo, é un xeito de apoiar o Festival de Cans e darlle pulos a novos valores do noso audiovisual.
A asociación está moi orgullosa de colaborar co Festival de Cans, unha cita de referencia, moi importante para o noso colectivo. As curtas son unha escola de novos guionistas, engade Ares, moita xente de referencia comeza facendo curtas e, de feito, ás veces ves moito máis talento nunha curta que en proxectos máis grandes. É fundamental manter citas como a de Cans nas que se recoñeza todo ese traballo e todo ese talento.

 
Política de privacidade  |  Termos de uso  |  Festival de Cine Internacional de Ourense Copyright © 2008