|
O Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca Galega) proxecta este sábado os dous documentais gañadores ex-aequo do Premio Mestre Mateo á mellor longametraxe documental: Jazz en liberdade de Xes Chapela e Man Fred, home sen paz de Simón Vázquez. O CGAI segue deste xeito o especial dedicado aos últimos Premios Mestre Mateo como
resultado do seu acordo coa Academia Galega do Audiovisual. A presentación será a cargo do director de fotografía da primeira delas, Luis
de Santiago, e do director da segunda, Simón Vázquez. A cita é este sábado 11 na número 10 da rúa Durán Loriga, n'A Coruña, a partir das 18.00 horas e con entrada gratuíta.
MAN FRED, HOME SEN PAZ (2010) Dirección: Simón Vázquez. Guión: Simón Vázquez e David Formoso.
Produción: Infernos.tv SL. Fotografía: Jaime Fernández Cuña. Duración:
72 minutos.
Mestre Mateo á mellor longametraxe documental. Narra a vida de Manfred
Gnädinger a partir do ano 1961. Nun recuncho da Costa da Morte, Man
crea unha interrelación co medio, un mundo propio onde desenvolver a
súa arte. Man consideraba a arte como necesidade primordial, polo que
prefire vivir con ela e sen outros recursos materiais. Sufre dous
sucesos que lle marcan: a construcción do dique de abrigo, que mutila o
seu espazo artístico, e a marea negra do Prestige, que o sume nunha profunda depresión que o leva á morte no Nadal de 2002.
JAZZ EN LIBERDADE (2010) Dirección e guión: Xes Chapela. Produción: Matriuska Producciones SL. Fotografía: Luis de Santiago. Duración: 75 minutos.
Mestre Mateo á mellor longametraxe documental. Unha pequena vila mariñeira convértese trinta anos despois no epicentro da música jazz na Península Ibérica. Os protagonistas lembran aquel tempo e reconstrúen as experiencias a través da investigación de dous mozos locais. Documental musical que rememora a ritmo de jazz os días nos que Cangas do Morrazo era o lugar de encontro dalgúns dos mellores músicos de jazz de España.
|