| OUFF e CineclubePF presentan: Four Lions, de Christopher Morris |
NOTAS DO DIRECTOR ENTREVISTA AO DIRECTOR - Christopher Morris Pregunta - Que intenta transmitir facendo comedia sobre o terrorismo? Resposta - Houbo un tío en Indonesia que ía poñer unhas bombas en bicicleta; tentou esquivar unha fochanca, estampouse contra un farol e estoupou. Esta xente capaz de esvarar cunha pel de banana non pode ser 100% malvada. Se cadra ríndonos deles podemos chegar a comprendelos. P- Cal é a reacción do público? R - Basicamente, a xente ri. O público colle os chistes. Síntome algo idiota por ter pensado que a xente viría con cautela ou con reservas. Mesmo en Nova York, onde se cadra podían reaccionar de xeito máis sensible, riron como en Inglaterra. P - Como se documentou sobre o tema para escribir o guión? R - Para facer bromas sobre un tema hai que coñecelo, e é incrible o pouco que sabemos sobre o Islam, as diferentes culturas que o integrane as posturas máis radicais. Pasei moito tempo con mozos desta cultura e fíxenme unha boa idea do que era ser un musulmán paquistaní en Inglaterra en 2009; esa é a base do filme. Ás veces parábame a pensar “que fago dando voltas en coche un sábado noite berrándolles ás mozas?”, pero ese era o seu ritual de cortexo; había que velo. Tamén aprendín moito lendo as transcricións dos xuízos a terroristas. Esas transcricións conteñen anacos de diálogo moi útiles para entender como se falan eses rapaces. Non son as conversas que un agardaría duns xenios do mal. P - No fondo, a estrutura do filme é tradicional: un listo rodeado de idiotas meténdose en leas... R - Aínda que hai varios chistes sobre a relixión, esta é unha película sobre personaxes: o espelido, o estúpido, o arrogante... Grazas á comedia, un pode chegar a identificarse con persoas coas que na vida normal non podería conectar. P - Pero non todo son risas. Hai momento duros, como a morte dun personaxe. Custoulle dar co ton do filme? R - Unha vez escollido o tema, había que ser consecuentes con el, polo que a historia non podía ser todo o rato unha sitcom. Como M*A*S*H, unha comedia que non evitaba os horrores da guerra. Pensamos que mentres que o que contásemos fose verídico e congruente, podiamos ser tan escuros como quixésemos. P - Que lles diría aos que pensan que hai certas cousas que non se poden tomar a broma? R - Diríalles que non viñesen ver esta película. Pódese facer comedia sobre calquera tema, sempre que se teña unha certa perspectiva.
|
| Privacy Policy | Terms of Use | Ourense International Film Festival |