XURADO UNIVERSITARIO

Cora Diz

Graduada en Publicidade e Relacións Públicas, estuda actualmente Comunicación Audiovisual en Pontevedra. Durante a súa traxectoria educativa pasou pola Universidade de Passau (Alemaña) e a NTSU (Taiwán). Ao mesmo tempo, participou como montadora e axudante de produción noutros festivais cinematográficos, como Novos Cinemas ou Curtocircuito.

Rebeca Lar 

Estudante de Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporáneo, graduouse en Belas Artes con premio Fin de Carreira. A súa traxectoria como artista inclúe a participación en mostras colectivas como Más allá de los géneros: prácticas artísticas feministas en Galicia desde los noventa ou o Premio Nacional Ibercaja de Pintura Joven. Parte da súa obra traballa co audiovisual, especialmente coa estratexia da metraxe atopada.

 

Ricardo Araújo

O ourensano Ricardo Araújo é estudante de Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo, formación que complementa con numerosos cursos e obradoiros de carácter tanto técnico como creativo. Participou como guionista nas curtametraxes Toma a volta Moiras (que tamén dirixiu) e a webserie Bosque.

 

Nicolas Pérez 

Ademais de estudar audiovisuais, Nicolás Pérez Pampín desenvolve unha interesante carreira paralela na fotografía e o cinema. Como fotógrafo, pezas súas foron seleccionadas en concursos de novos talentos de Magnum Photos ou National Geographic. No cinema, participou como script en Trote de Xacio Baño e como director de foto nas curtas Inefable Cristalina, entre outras.

 

Lucía Estévez

Compaxina os estudos coa súa participación en filmes como María (y los demás) ou Trote como auxiliar de cámara e o guion e dirección de proxectos persoais como Sendeiro, Cuna ou a videocreación Naufraxio. Colaborou nos festivais Novos Cinemas e Play-Doc. Atópase realizando o seu traballo de fin de carreira en Comunicación Audiovisual.