Arranca a 23 edición do OUFF cunha gala sen artificios pero chea de calor e de cor

  • O momento emotivo da Gala produciuse na entrega da Calpurnia de Honra do Presidente da Deputación Manuel Baltar a Xavier Bermúdez.
  • Ledicia Sola foi a encargada de presentar unha gala chea de sorpresas.
  • O documental “Mar de Terra”e Kepa Junkera puxeron o toque colorido.

Ourense, 29 de novembro. Unha gala sobria, funcional e áxil no Auditorio Municipal deu comezo á 23 edición do Ourense Film Festival. “Mar de terra”, o documental sobre o Entroido protagonizado por Kepa Junkera, foi un dos protagonistas da gala xunto coa entrega da Calpurnia de Honra ao cineasta Xavier Bermúdez.

A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense foi a encargada de abrir o acto. A continuación, fixo aparición a actriz ourensá Ledicia Sola, encargada de dirixir a gala e de poñer en antecedentes sobre o OUFF a tódolos asistentes. A elección da presentadora é outro guiño á que quere ser a cita máis feminina da historia do festival.

Xavier Bermúdez

Agradecementos

Cun auditorio a rebosar, Miguel Anxo Fernández, coordinador artístico do OUFF, subiu a dar un discurso no que agradeceu especialmente a Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, o seu empeño en sacar adiante esta edición de 2018. “Pretendemos que a sociedade ourensá recupere a estima no seu festival. Así que tamén grazas, Manuel Baltar, por confiar en min, por confiar en nós” afirmou o vicepresidente da Fundación Carlos Velo.

Foi precisamente o presidente da Deputación o encargado de facerlle entrega da Calpurnia de Honra ao cineasta ourensán Xavier Bermúdez. Un premio máis que merecido en recoñecemento á traxectoria do director, guionista e produtor, que recibiu o premio entre grandes aplausos.

Kepa Junkera, Javier Torguati, José Antonio Blanco

Entroido dende outra perspectiva

Trala entrega do galardón, chegou unha das sorpresas da gala. Kepa Junkera subiu ao escenario para interpretar un tema moi especial antes do visionado “Mar de Terra”. O músico vasco xunto co director do documental, José Antonio Blanco, e o produtor, Javier Torquati, foron os encargados de presentar a cinta.

Os Entroidos da provincia de Ourense e de Lugo son os auténticos protagonistas de “Mar de Terra”, ofrecendo unha perspectiva “humana e sincera” destas tradicións. Entre o público atopábase parte do elenco que participou nesta produción e que conseguiu dar un toque de cor á gala cos seus traxes de peliqueiros, pantallas e máscaras históricas.

Para finalizar, Kepa Junkera e os seus músicos interpretaron a canción composta en exclusiva para este documental. En resumo, unha gala sobria e áxil, sen moitos ornamentos pero con calidade, igual que esta edición número 23 del OUFF preparada en tempo récord.

Podes ver todas as imaxes da gala inaugural na nosa galería de fotos.