O Cluster Audiovisual Galego quere sumar aos festivais de cine para converterse en “o cluster de todo o sector”

  •  Busca crear un punto de encontro para impulsar a produción e o consumo
  •  Asume o reto de potenciar as áreas máis tecnolóxicas

Ourense, 1 de decembro. O Cluster Audiovisual Galego quere converterse no cluster “de todo o sector audiovisual”, incluídas non só empresas de produción senón tamén de servizos, de formación e, por suposto, festivais de cine como o Ourense Film Festival (OUFF). Por isto, o cluster, composto por 38 empresas, iniciou unha campaña para captar socios colaboradores e así crear un “lugar de diálogo” para coordinar accións e promover a produción e o consumo de audiovisual galego, segundo explicou o seu presidente, Jorge Algora, en rolda de prensa.

Pola súa parte, o coordinador artístico do OUFF, Miguel Anxo Fernández, manifestou a intención do festival de traballar co Cluster nas edicións futuras.

 

O Cluster Audiovisual Galego ten como misión desenvolver proxectos empresariais que fagan de Galicia un referente da industria audiovisual. Para o seu presidente, os retos actuais pasan por “impulsar o sector cara as áreas tecnolóxicas” e por facilitar a internacionalización dos proxectos con orixe galega.

Polo momento, o 14 de decembro, o cluster celebra a segunda edición do Pitching TFG (Traballo de Fin de Grao), un encontro entre estudantes e profesionais do que se espera que salgan financiacións para proxectos. Ademais, levará delegacións extranxeiras ao Carballo Interplay, festival de contidos dixitais que terá lugar en abril, e ao Congreso Internacional de Animación, Efectos Visuais e Novos Media, na Coruña no mes de xullo.