O OUFF homenaxea aos actores e actrices galegos coa exposición fotográfica “O retrato maior do noso cine”

    • A organización do Festival de Cine de Ourense encargou ao fotógrafo ourensán Xulio Gil esta homenaxe fotográfica.
    • A exposición inaugúrase hoxe, ás 20 horas, no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Ourense, 28 de novembro de 2018. A piques de levantar o velo da 23 edición do Festival de Cine Internacional de Ourense, inaugúrase unha exposición fotográfica que forma parte da programación paralela do mesmo. Trátase de “O retrato maior do noso cine” do fotógrafo ourensán Xulio Gil, que conta de 33 retratos de actores e actrices galegos e que esta mañá foi presentada en rolda de prensa.

A organización do OUFF fixo esta encomenda ao fotógrafo para facer unha homenaxe visual aos pioneiros que se iniciaron no mundo do audiovisual galego na década dos 70, cando todo era moi precario. Miguel Anxo Fernández, coordinador artístico do festival, quixo destacar a figura do fotógrafo “un dos mellores profesionais de Galicia ao que lle agradecemos o esforzo feito”.

Xulio Gil aceptou este encargo, con pouco tempo, no que cualificou como “un traballo de desgaste pero que mereceu a pena. Son retratos recentes, polo 5-6 de outubro non había ningún feito”. O ourensán resaltou tamén a “calidade humana” de cada un dos persoeiros, dos que moitos lle abriron as portas das súas casas en Madrid, Barcelona e por toda Galicia.

Entre a trintena de artistas retratados, nados todos antes de 1960, atópanse rostros tan coñecidos como Mabel Rivera (homenaxeada co Premio Fundación AISGE a unha Traxectoria nesta edición do festival), Antonio Durán “Morris”, Carlos Blanco, Francis Lorenzo, Mela Casal ou Alfonso Agra. Tamén hai unha sección chamada “As mans da memoria” que fai de lembranza a aqueles que xa non están.

A inauguración de “O retrato maior do noso cine” terá lugar esta tarde ás 20 horas e poderá visitarse no Centro Cultural Marcos Valcárcel durante todo o OUFF e ata o día 6 de xaneiro. Con esta exposición retómase unha liña de producións propias do festival que busca expandir o seu universo máis alá da duración do propio evento, conseguindo chegar a outras cidades e lugares dentro da súa labor difusora da cultura audiovisual de Galicia.

Exposición Xulio Gil

Retratos dos pioneiros

O comisario da exposición Enrique Acuña quixo darlle as grazas tamén o Centro Cultural Marcos Valcárcel e a toda a organización polo traballo nesta “exposición homenaxe que non é de descubrimento senón de recoñecemento”. Toda unha xeración de actores e actrices galegos que estiveron nos comezos heroicos do cine e nas primeiras longametraxes que se rodaron aquí e que xa forman parte da nosa historia son os protagonistas absolutos.

O autor das instantáneas, Xulio Gil, é un contrastado referente da fotografía galega contemporánea cunha longa traxectoria. Ten publicada a súa obra en distintas monografías que significaron no momento da súa edición unha celebrada renovación da linguaxe fotográfica. A súa obra está presente en museos, institucións e coleccións privadas galegas.

A Deputación de Ourense co co-patrocinio da Xunta de Galicia, Concello de Ourense, ABANCA, GADIS e Fundación AISGE únense dentro da 23 ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense para facer de Ourense de novo a capital do cinema en Galicia.