Manuel Baltar recibe no Pazo Provincial ao cineasta ourensán Xavier Bermúdez, premiado no OUFF coa Calpurnia de Honra

Ourense, 1 de decembro de 2018.  O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu esta mañá no Pazo Provincial ao cineasta ourensán Xavier Bermúdez, quen vén de ser galardoado coa Calpurnia de Honra na presente edición do Festival de Ourense (OUFF). Bermúdez, quen foi convidado polo presidente Baltar a asinar no Libro de Honra da institución provincial, no que definiu a Ourense como “a máis fermosa provincia termal”, destacou o traballo que está a desenvolver a Deputación de Ourense e todo o equipo do OUFF nesta 23ª edición, con Miguel Anxo Fernández como coordinador artístico e Aurelio Gómez Villar como coordinador técnico, mentres que Manuel Baltar felicitouno polo “merecido recoñecemento” que o OUFF lle rendeu na gala de inauguración do festival. Ademais de aspectos relacionados co certame que organiza a Deputación de Ourense, Baltar e Bermúdez analizaron temas da actualidade cinematográfica e da industria audiovisual en Galicia.