O presidente da Deputación reúnese con Isabel Blanco, delegada de AISGE en Galicia

Con motivo do inicio do Festival de Cine de Ourense (OUFF), o presidente Manuel Baltar e a intérprete reuníronse para buscar futuras liñas de colaboración entre as dúas entidades.

Ourense, 10 de novembro 2018. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu a actriz Isabel Blanco, delegada de AISGE en Galicia e Patrono da Fundación AISGE, para falar sobre posibles acordos entre ambas. AISGE (Artistas Intérpretes, Sociedad de Gestión) é unha sociedade sen ánimo de lucro que se encarga de xestionar os dereitos de propiedade intelectual dos artistas do ámbito audiovisual.

Esta reunión, celebrada de cara o próximo inicio do OUFF, buscaba atopar liñas de converxencia entre as dúas entidades. Isabel Blanco declarou que “a Fundación AISGE podería entrar como colaboradora do OUFF en 2018, comprometéndose de novo coa celebración deste festival ó que leva apoiando dende o ano 2003”.

AISGE móstrase disposta a que se manteña a relación nesta nova etapa do Festival de Cine de Ourense coa Deputación á fronte. Neste primeiro encontro entre o presidente e a actriz definíronse as liñas que marcarán o novo acordo e que buscan a continuidade deste frutífero vínculo, que ten como obxectivo final apoiar e promocionar o noso cine, actores e actrices.

Isabel Blanco é unha recoñecida actriz galega, gañadora de dous premios Mestre Mateo. Moi pronto se fixo un oco nas casas dos telespectadores galegos coa súa participación en series tan populares como “Mareas Vivas”, “Rías Baixas”, “Avenida de América” ou “Platos Combinados”. Tamén ten participado en series estatais como “Cuéntame”, “Nada es para siempre” ou “Yo soy Bea”. A nivel cinematográfico podemos destacar os seus traballos en “El lápiz del carpintero” de Antón Reixa, “Un franco, catorce pesetas” de Carlos Iglesias ou en “Agallas” de Andrés Luque e Samuel Martín.