O cineasta ourensán Xavier Bermúdez recibirá a Calpurnia de Honra na gala inaugural do OUFF

  • Seis das súas mellores películas proxectaranse durante o festival con entrada gratuita.
  • O OUFF abre unha nova colección de monografías cunha adicada ao produtor, director e guionista.

Ourense, 29 de novembro. O cineasta Xavier Bermúdez recibirá esta noite o premio Calpurnia de Honra do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) en homenaxe a toda a súa carreira. O produtor, director e guionista ourensán, autor, entre outros títulos, de “León y Olvido” e “O ouro do tempo”, súmase así a unha lista na que xa figuran Montxo Armendáriz, Luis García Berlanga ou Imanol Arias.

O premio Calpurnia de Honra entregouse por primera vez na segunda edición do OUFF, en 1997, e dende ese momento converteuse nun dos símbolos máis recoñecibles do festival. O premiado asegurou está mañá en rolda de prensa que sempre pensou “que nunca podería triunfar en España porque o meu humor é moi ruso”.

Xavier Bermúdez

Preguntado polos novos proxectos que ten sobre a mesa, o director ourensán adiantou que “estamos traballando en “Olvido y León”, sobre os mesmos personaxes pero quince anos despois. É unha broma que sempre faciamos cos actores Marta Larralde e Guillem Jiménez e que agora deu un paso adiante”. Do mesmo xeito, comentou que ten clavado o puñal de non rodar nunca en Ourense pero que esperaba poder facelo proximamente.

Xavier Bermúdez naceu en Ourense en 1951. Estudou na Facultade de Ciencias da Información da Universidad Complutense e comezou a súa carreira profesional como xornalista, tanto na prensa como na radio. En 1992 dirixiu a súa primeira longametraxe “Luz negra”, coa que Mónica Molina recibiu o premio de interpretación en Gijón e Alcalá.

Dous anos despois, con Luis Miguel Fernández e a súa parella, a tamén directora Manane Rodríguez, fundou a súa produtora Xamalú, con sede en A Coruña. Con esta empresa rodou varias películas en Galicia: “Nena”, premiada en Alcalá; “León y olvido”, que recibiu galardóns, ademais de en Ourense, en Karlovy Vary, Atenas, Toulouse ou Tallin; “Rafael” (a película a que lle ten máis cariño) e “O ouro do tempo”, filme galardoado en Calanda, Karlovy Vary, Varna e Durres.

Xavier Bermúdez

Bermúdez tamén é autor de “Buñuel: espejo y sueño” (Edicións da Mirada, 2000) un dos mellores libros publicados en España sobre a obra do xenio de Calanda. Eduardo Galán, autor do monográfico sobre o director que se publicará con motivo do OUFF, asegurou que “é o Buñuel galego” algo que Bermúdez dixo que lle quedaba grande malia ser o seu referente persoal “e o motivo polo que me dedico a isto”.

Homenaxe tamén na pantalla e no papel

A homenaxe que o Festival de Cine Internacional de Ourense quere dedicar a un dos directores ourensáns máis laureados non remata aquí. Durante o festival proxectaranse seis das súas películas máis coñecidas: “O soño do papá”, “Altas capacidades”, “Rafael”, “León y Olvido” e “Nena” no Cine Club Padre Feijoo, e “O ouro do tempo” no Teatro Principal. A entrada para todas é libre e gratuíta, ata completar aforo.

Ademais, o OUFF publicará un monográfico sobre o cineasta, elaborado polo historiador e crítico de cine Eduardo Galán, que tamén é xurado da Sección Oficial desta edición do OUFF. Con “Dos pés á cabeza” o festival abre unha nova colección titulada “Monografías”.