• O seu director, Gaizka Urresti, quixo destacar neste traballo “o importante que Aute foi para moitos creadores deste país e para o público en xeral”

  • A película verase no Teatro Principal a partir das 22:30 horas, con entrada gratuíta

Aute Retrato: la libertad de ser uno mismo, documental que fai un repaso pola vida e traxectoria do cantautor Luís Eduardo Aute, proxectarase este venres na 24ª edición do Ourense Film Festival (OUFF), o primeiro festival no que participa. O seu director, Gaizka Urresti, prometeu aos espectadores que van “rir, a chorar e a descubrir a un artista única da cultura en español”. A película fai fincapé “no importante que Aute foi para moitos creadores deste país e para o público en xeral”. De feito, unha das súas secuencias máis destacadas recolle o concerto homenaxe “Ánimo, animal!” que tivo lugar en 2018.

Urresti, que comezou a traballar no documental en 2016, antes de que Luís Eduardo  Aute sufrise o infarto que o afastou dos escenarios, confesou que o artista se mostraba remiso ao proxecto porque “non se sentía merecedor dun documental”. Con todo, Urresti califícao de “alguén especial que leva a liberdade pola creación por encima de todo”.

Pola súa banda, Ana Bustamante, directora xeral de Mediterráneo, a marca de  Mediaset para contidos, sostén que Aute “é un personaxe que vai moito máis alá da música” e o documental “é unha auténtica delicia”.

En “Aute Retrato”, os 50 anos de carreira de Aute son percorridos en todas as súas facetas creativas contando con testemuñas como Forges, Ana Belén, Joaquín Sabina,  Joan Manuel Serrat, Silvio Rodríguez ou Rozalén. O documental, actualmente en carteleira, é xa a película española deste xénero máis taquilleira do ano.

Proxección e música en directo

“Aute Retrato: la libertad de ser uno mismo” proxectarase esta noite a partir das 22:30 horas no Teatro Principal. Contará coa presenza do propio director Gaizka Urresti e finalizará cunha actuación en directo do cantautor galego Andrés Suárez, que colaborou na película aínda que finalmente non entrou na montaxe final.