Homenaxe Eduardo Blanco Amor
Con motivo dos 40 anos do pasamento do insigne escritor ourensán Eduardo Blanco-Amor, e 60 da publicación en Bos Aires da novela “A Esmorga”, o OUFF 2019 promove un recoñecemento especial á súa figura.
Blanco Amor nace en Ourense (a Auria das súas novelas) en setembro de 1897. Fillo dunha florista, era o máis vello de cinco irmáns criados no seo dunha familia humilde da cidade ourensá. Malia que non conseguiu rematar ningún dos estudios oficiais, os seus contactos co ambiente cultural e literario do Ourense de comezos de século e cos promotores do que co tempo sería denominada a “Xeración Nós”, fundamentalmente con Vicente Risco, Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas, levouno a asistir como oínte ó Instituto e á Escola Normal, conseguindo entrar, con tan só 17 anos, na redacción do xornal “El diario de Orense”. Este primeiro contacto co xornalismo sería fundamental para o futuro, xa que o xornalismo acabou sendo o seu principal modo de vida. Con vinte anos emigra a Buenos Aires, onde colabora con diversas publicacións denantes de entrar a formar parte do xornal “La Nación”, do cal se converte primeiro en reporteiro pola Arxentina e no ano 1928 en correspondente en España. Este feito dalle a oportunidade viaxar por todo o país e, sobre todo, coñecer a Federico García Lorca, co que mantén una relación que non habería esquecer nunca e co que colabora en 1935 na publicación dos seis poemas galegos lorquianos, que se presentan cun limiar do propio Blanco Amor.
A chegada da Guerra Civil transforma ó inicial emigrante e posterior correspondente en exiliado político e regresa a Buenos Aires, onde permanece ata 1965, non sen ter promovido alá algunhas das súas primordiais obras literarias como “La catedral y el niño”, “A Esmorga” ou “Os Biosbardos”, ademais de adentrarse no mundo do teatro coa fundación do “Teatro popular galego” e coa publicación de varias obras teatrais.
En 1965 regresa definitivamente a Galicia. A unha Galicia en moitos aspectos completamente descoñecida da que el soñara dende a súa xuventude na diáspora, un feito que o levou nalgúns momentos incluso a pensar no regreso a América. Ó longo desta última etapa compaxinou a súa vida entre Ourense, Santiago e Vigo, onde faleceu repentinamente no hotel no que residía naquel momento. Desta derradeira etapa vital forma parte a novela “Xente ao lonxe”, varias obras teatrais, así como o seu nomeamento como membro da Real Academia Galega, ademais dunha serie de traballos de ensaio e estudios biográficos arredor de autores galegos e non galegos coma Rosalía de Castro, Alfonso Rodríguez Castelao ou Benito Jerónimo Feijoo, ademais do filósofo José Ortega y Gasset.
60 anos de “A Esmorga”
A trasnoitada do Bocas e os seus amigos, o Cibrán e o Milhomes, pola Auria máis marxinal dos anos da fame, pasa por ser o alicerce e o escenario elemental polo que transcorre a novela que chegou no seu momento para mudar a narrativa galega. “A Esmorga”, a obra máis coñecida de Eduardo Blanco Amor, foi publicada inicialmente en Buenos Aires porque a censura franquista non permitía daquela que fosen publicadas unhas peripecias tan traxicómicas coma as que protagonizaban os seus tres autores, mozos dunha sociedade decadente nos baixos fondos dunha cidade provinciana, Auria, a cidade literaria coa que Blanco Amor reelaborou desde a distancia o seu Ourense natal.
“A Esmorga” é unha novela na que acadan especial protagonismo as virtudes de Blanco Amor como narrador e dominador da linguaxe. Segundo indican tódolos especialistas, a súa sorprendente potencia lingüística ponse neste relato ó servizo da narración duns feitos que desembocan na traxedia inexorable, converténdose así nunha metáfora do realismo máxico e sórdido, á vez que miserento e ó mesmo tempo rico en matices arredor das relacións humanas capaces de levar a imaxinación e a fantasía ata límites literarios conseguidos por moi poucos autores.
Como queda dito, a obra foi publicada no ano 1959 en Buenos Aires, e inicialmente foi levada ó cine co título de “Parranda” no ano 1977, con dirección de Gonzalo Suárez e guión do propio Blanco Amor. Posteriormente, o 15 de novembro de 2014 foi estreada “A Esmorga”, en versión orixinal, é dicir, en galego, baixo a dirección de Ignacio Vilar, no Festival de Cine Internacional de Ourense. Entre medias, o propio Blanco Amor escribiu un guión cinematográfico que non foi quen de ver a luz en forma de película ata o momento.