O actor francés José García recibirá na 24 edición do Ourense Film Festival a Calpurnia de Honra Internacional en recoñecemento á súa carreira no mundo da interpretación.

É fillo de emigrantes galegos en París, con casa familiar no carballiñés barrio de Toscaña, onde regresa regularmente. Nacido en París en 1966, casado coa guionista, directora e actriz, Isabelle Doval, e pai de dúas fillas. García fíxose popular cun show que xa está na historia do humor televisivo francés, Nulle part Ailleurs (“En ningún outro lugar”). Emitiuse en Canal Plus durante sete anos e, xunto a Antoine de Caunes, recrearon numerosos personaxes.

Estrella de cine

A súa popularidade permitiulle dar o salto ao cinema nos primeiros anos noventa, ao principio en aparicións puntuais para ser protagonista moi pronto. Así, converteuse nun dos actores preferidos do público, protagonizando desde entón máis de sesenta filmes, traballando con algúns dos grandes do cinema galo, entre eles Costa-Gavras (“Arcadia”, 2005), Jean-Jacques Annaud (“Su majestad Minor”, 2007), Regis Wagnier (“Plaga final”, 2007) e en España con Carlos Saura en “El 7º día” (2004) e Miguel Curtois en “GAL” (2006). 

Protagonista de comedias de éxito, participou en “Astérix y los Juegos Olímpicos” (2008), tamén ten un breve papel en “Ahora me ves” (2013).

Tivo como compañeiros de reparto a grandes do cinema francés como Michel Serrault, Charles Aznavour, Jean- Paul Belmondo e Alain Delon, ademais de actrices como Isabelle Huppert, Marion  Cotillard, Rossy de Palma ou Carmen Maura, e actores como Daniel Auteil, Omar Sy, Françous Cluzet, entre moitos outros.