Premio Eduardo Barreiros
Neste 2019 celébrase o centenario do nacemento de Eduardo Barreiros (Gundiás, Nogueira de Ramuín, 24 de outubro de 1919 – A Habana, Cuba, 19 de febreiro de 1992), unha das figuras fundamentais do motor en España. Con este motivo, a 24 edición do Festival de Cinema de Ourense entrega un premio co nome deste emprendedor ourensán á mellor ópera prima do cinema español, estreada entre setembro do ano pasado e setembro de 2019. O título elixido é “Viaje al cuarto de una madre” de Celia Rico.
Biografía
Partindo dun pequeno taller en Ourense, Eduardo Barreiros, foi capaz de levantar un gran complexo industrial empresarial que contribuíu decisivamente á motorización de España. É coñecido pola transformación patentada de motores de gasolina a diésel e pola posterior fabricación de camións e vehículos industriais. A demanda de transformación de motores fai que funde Barreiros Diesel a mediados dos anos corenta en Ourense, para trasladarse en 1952 a Madrid, onde se establecerá nos terreos que actualmente ocupa PSA Peugeot-Citroën.
Este brillante emprendedor convértese no maior empresario privado do sector automobilístico español da súa época, que logra ademais contactos e acordos de asociación con diversas compañías de Europa e Estados Unidos. Consegue grandes éxitos no campo da fabricación de motores industriais, na de camións, autobuses, tractores, furgonetas, etc. Con todo, non logra unha total penetración no mercado de automóbiles turismos, para o que se asocia coa norteamericana Chrysler, fabricando o Simca 1000 e Simca 1200 e o famoso Dodge Dart.
Tras unha paréntese, no que abandona a industria do automóbil, nos anos oitenta regresa constituíndo Diésel Motores Industrias, S.A. (DIMISA), que deseña e constrúe novos motores diésel. Establecerá a súa última residencia en Cuba, onde dirixe o plan de desenvolvemento automotriz e diferentes industrias de automoción.