Norberto López Amado, Premio Ourense
O Premio Ourense, un dos máis arraigados na historia do Ourense Film Festival, será na 24ª edición para o director ourensán Norberto López Amado que, desde finais deste ano, dirixirá a serie “3Camiños”, apoiada pola Xunta de Galicia e Xacobeo 2021 e que será gravada en varios países pola produtora galega Ficción Producións.
Norberto López Amado naceu en 1965 en Ourense. É director e produtor, tanto de cinema como de televisión, coñecido por longametraxes como “Nos miran” (2002), series de TV “El tiempo entre costuras” (2013) ou documentais “¿Cuánto pesa su edificio, Sr. Foster? (2010)”. Estudou a carreira de Dereito e mentres a cursaba, aprendía cinema no Taller de Artes Imaxinarias. Empezou a traballar na Axencia EFE, na área de televisión e aí tomou o seu primeiro contacto co sector audiovisual.
Filmografía
Os seus comezos no cinema foron realizando curtas, que ao principio financiaba co seu soldo ou pedindo créditos. “El espírito de la Luna” (1994), a súa primeira curta, obtivo un gran éxito. Pero o seu gran lanzamento foi a longametraxe “Nos miran”, protagonizada por Carmelo Gómez e Iciar Bollaín. A continuación comezaría unha brillantísima carreira en televisión participando en numerosas series de éxito na maior parte das cadeas españolas. Filmou capítulos para “El comisario”, “El internado” ou “Herederos”. En 2010 fixo unha paréntese en televisión para dirixir o documental “¿Cuánto pesa su edificio, Sr. Foster?”, premiado en numerosos festivais de todo o mundo. Volvería á televisión firmando capítulos para “Tierra de lobos” (2010-2011) e “Las aventuras del capitán Alatriste” (2013). A continuación chegarían dúas das series de máis éxito “El tiempo entre costuras” (2013-2014) e “El príncipe” (2014), das cales filmou sete capítulos en total.
En 2015 dirixe “La decisión de Julia”, que formou parte da sección oficial do Festival Internacional de Cinema de Ourense, levando a súa protagonista Marta Belaustegui o premio á mellor actriz. En 2002 formou parte do xurado da sección oficial na sétima edición do certame ourensán.
En 2015 iniciaría a serie “Mar de plástico” completando sete capítulos e regresaría ao cinema tres anos despois con “El cuaderno de Sara”. Volve a televisión e firma dous capítulos de “Brigada Costa do Sol” e un de “Secretos de Estado”, ambas deste ano.
Entre as súas facetas menos lembradas figura a co-dirección xunto a Miguel Bosé do programa musical “Séptimo de Caballería” para TVE.
En breve comezará o proxecto “3Camiños”, que se converterá na primeira serie de ficción internacional e transmedia que vira en torno ao Camiño de Santiago. A previsión é que poida estar lista antes de 2021 da man da empresa compostelá Ficción Producións. Narrará as vivencias compartidas ao longo de tempo por cinco peregrinos doutros tantos países. A gravación de “3Camiños”, a primeira serie de ficción internacional sobre o Camiño de Santiago, comezará en novembro deste ano e durará uns oito meses, trasladándose, ademais de a distintos puntos de España, a Alemaña, Corea do Sur, Francia e México, países de orixe dos protagonistas. Ao mesmo tempo, a obra non será “lineal” se non que sucederá en tres momentos temporais distintos e estará rodada en seis idiomas.