Vaca Films, Calpurnia de Honra
Pola súa condición de produtora audiovisual líder en Galicia en canto a produción cinematográfica, plenamente integrada no mercado español e internacional.
Fundada polos produtores Borja Pena e Emma Lustres, desde a súa creación en 2003 e durante máis de 15 anos, Vaca Films estableceuse como unha das produtoras máis destacadas en España na produción de películas de éxito destinadas tanto ao mercado nacional como internacional, combinando calidade con comercialidade. As súas películas recadaron cerca de 50MM€ en España e distribuíronse en todo o mundo a través dalgún dos máis destacados distribuidores e axentes de venda, incluíndo StudioCanal, Film Factory, Filmax, Sony Pictures ou Films Distribution.
Filmografía
Presentes nos festivais máis importantes tales como San Sebastián, Venecia, Toronto ou Berlín, entre os seus títulos máis recentes inclúese “Cien años de perdón” de Daniel Calparsoro e “O descoñecido” de Dani de la Torre e protagonizada por Luís Tosar, que foi a película encargada de abrir a sección Venice Days no Festival de Venecia en 2015 ademais de gañar dous Premios Goya.
Outros títulos destacados son“ Extinction”, dirixida por Miguel Ángel Vivas e protagonizada por Matthew Fox e Jeffrey Donovan (lanzada a nivel internacional por Sony Pictures Worldwide Acquisitions); “El niño” de Daniel Monzón (un blockbuster nacional con 2,8 millóns de espectadores e gañadora de catro Goyas); “Somos gente honrada”, a primeira película do director Alejandro Marzoa; “Invasor” de Daniel Calparsoro; “Lobos de Arga” de Juan Martínez Moreno; “Secuestrados” de Miguel Ángel Vivas (gañadora do Premio Méliès de Prata); “Retornos” de Luís Avilés Baquero; e “Celda 211” de Daniel Monzón (un dos maiores éxitos do cinema español con máis de 2,3 millóns de espectadores e gañadora de oito Goyas, incluíndo Mellor Película).
Entre os últimos traballos realizados pola produtora destaca “La sombra de la ley”, o novo traballo de Dani de la Torre, “Feedback”, a ópera prima de Pedro C. Alonso, y “Quien a hierro mata” de Paco Praza, ademais de estar a desenvolver os próximos traballos de Daniel Calparsoro, Rafa Cobos, Daniel Benmayor, Alberto Marini e Olga Osorio, entre outros.
Debido ao auxe das plataformas dixitais e aos novos mercados internacionais para a ficción televisiva, recentemente a produtora ven de crear a empresa VACA TV, co obxectivo de levar a cabo novos proxectos. Neste momento están en fase de preparación da súa primeira serie para MOVISTAR+ titulada “La unidad”, que será dirixida por Dani de la Torre con guión de Alberto Marini. Ademais, Vaca Films ten en carteira outros proxectos televisivos como “Double Agent”, escrito polo showrunner británico James Wood que recrea as aventuras do espía español Garbo durante a Segunda Guerra Mundial, “Veinte” baseada na novela de Manuel Loureiro ou “El correo belga”, un thriller escrito por Patxi Amezcua e Alejandro Flah.