• O director de “León y Olvido” acudirá este xoves á prisión de Pereiro de Aguiar, onde ensinará aos reclusos as ferramentas esenciais do director de cine

  • Oliver Laxe falará sobre creación de “O que arde”, que compite na Sección Oficial, mentres que Alberte Pagán tomará como base a súa propia experiencia como cineasta para intentar explicar que é o cinema

Os talleres do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) arrincan este xoves 5 de setembro coa formación que o cineasta Xavier Bermúdez impartirá aos reclusos do Centro Penitenciario Pereiro de Aguiar. Xa durante os días do certame, do 27 de setembro ao 5 de outubro, serán os realizadores Oliver Laxe e Alberte Pagán os que compartan os seus coñecementos sobre cinema e creación audiovisual en varias xornadas.

A do xoves será a segunda vez que Bermúdez visite o centro penitenciario no marco do OUFF. Na última edición do festival, o cineasta, que foi galardoado coa Calpurnia de Honra pola súa traxectoria artística, asistiu á proxección no cárcere dunha das súas películas máis memorables, “León y Olvido” (2004). 

Pola súa banda, o realizador de orixe galega Oliver Laxe impartirá un obradoiro no que desvelará como foi o proceso creativo e de produción de “O que arde, longametraxe coa que compite na Sección Oficial do festival. Nos próximos días daranse a coñecer as condicións e o proceso para asistir a esta formación. “O que arde”, rodada nas montañas lucenses, chega a Ourense despois de lograr un dobre fito en Cannes: ser o primeiro filme en galego que se proxecta neste certame e gañar o premio do xurado da sección Un certain regard.

Por último, o director ourensán Alberte Pagán tomará como base a súa propia experiencia como cineasta para tentar explicar que é o cinema. Será os días 28 e 29 de setembro.

Con estes tres talleres, o Ourense Film Festival segue apostando pola formación como un dos alicerces do seu programa, que se irá debullando nas próximas semanas. O festival, que este ano celebra a súa 24ª edición, está organizado pola Deputación de Ourense co patrocinio da Xunta de Galicia, o Concello de Ourense, ABANCA,  GADIS e a Fundación AISGE, coa vocación clara de facer de Ourense de novo a capital do cinema