LAURA GÁRDOS (presidenta)

Neta do director ourensán Carlos Velo, cursou estudos de cinema no Centro de Capacitación Cinematográfica de México, entre os anos 1987 e 1992, nas especialidades de guión e dirección. Os seus primeiros traballos son como asistente de fotografía en curtametraxes e anuncios comerciais. A súa estrea como directora prodúcese en 1993 coa curtametraxe “Estar”. En 1999 dirixe o seu primeiro longo documental “Vieiros” baseado na vida e a obra do seu avó, Carlos Velo, que foi premiado no Festival Internacional de Cine de San Juan. Logo viría outro documental “Entre dúas bandeiras” e en 2010 a súa primeira longametraxe de ficción “Anos despois”, que clausuraría o OUFF 2011. Realizou tamén a curtametraxe de ficción “Chocolates Cortázar”.

NIEVE DE MEDINA

Actriz e directora madrileña, con crecente experiencia como autora, posúe unha dilatada e rica traxectoria en diversos xéneros e formatos. Últimos traballos en teatro: “Consentimiento”, de Nina Raine; “Modelos Animales”, “Las bicicletas son para el verano” o “La punta del iceberg”. En cinema destacou nas películas: “La madre”, de Alberto Morais; “2 francos, 40 pesetas” e “1 franco, 14 pesetas”, de Carlos Iglesias; “Los lunes al sol”, de Fernando L. de Aranoa ou “El Bola”, de Achero Mañas. En televisión destacan os seus últimos traballos en series como: “Cuéntame como pasó”, “Bajo sospecha”, “El Ministerio del tiempo” ou “Brigada Costa del Sol”. Como autora estreou a súa obra de teatro “Ni con el pétalo de una rosa”, e produciu e dirixiu o documental “Por si te vas, te quedas”. E ten o guión da curtametraxe “Arborbuena” en preprodución. Estivo nomeada aos Goya e aos Premios do Cine Europeo e gañou dous premios da Unión de Actores como actriz secundaria e revelación.

MIGUEL BARROS

Durante 20 anos, Miguel Barros viaxou e exerceu como fotógrafo en conflitos sociais e bélicos de máis de 20 países. Dirixiu documentais de temática social para Amnistía Internacional e outras organizacións, ademais da longametraxe documental “Los sin tierra” (2004), producida por El Deseo e Canal+. Tamén traballou como axudante de dirección e guionista en cine de ficción. As súas longametraxes máis destacadas como guionista son “Blackthorn” (2011), de Mateo Gil e nomeada ao mellor guión nos Goya e no Festival de Tribeca e “Nadie quiere la noche” (2015), de Isabel Coixet e nomeada mellor película e mellor guión no Festival de Berlín. As dúas películas suman, ademais, un total de 21 nomeamentos aos Premios Goya. En televisión, formou parte do equipo de guionistas de “Gigantes”, de Enrique Urbizu, mentres que ten en desenvolvemento as series “Roger Casament”, de John Boorman para BBC Films, e “Galaicos”, de Jaume Balagueró para Apache

PILAR REVUELTA

Estudou Production Designer no American Film Institute de Los Ángeles. Conta con máis de 25 anos de experiencia no mundo do cine como set decorator e deseñadora de produción. Traballou con Guillermo del Toro, Steven Soderbergh, Jim Jarmusch, Ridley Scott, J.A. Bayona, Pedro Almodóvar, Juan Carlos Fresnadillo ou Fernando Trueba, entre outros. Polo seu traballo con Trueba en “El artista y la modelo” (2012) recibiu un nomeamento aos Goya. En 2007 gañou un Óscar e un Ariel por “El Laberinto del Fauno” (2006), de Guillermo del Toro, película pola que tamén foi nomeada a un Bafta.

ISABEL BLANCO

Presentadora, actriz e produtora galega de formatos para televisión, documentais e pequenas ficcións. Na actualidade conduce un programa de viaxes e entrevistas na Televisión de Galicia: “Pasaporte Galego”. Coma actriz foi recoñecida a nivel nacional en películas como “Un Franco 14 Pesetas” e protagonizou xunto a Luis Tosar a exitosa serie “Mareas Vivas”. Dende 2002 é Delegada de AISGE en Galicia e foi membro da xunta directiva da Academia Galega do Audiovisual. É colaboradora habitual de diversos festivais de cinema. En orixe, de formación tradutora e intérprete. Fala sete idiomas.