• A actriz Mariana Carballal, acompañada por Nacho Castaño, Paula Pier e Alberto Medeiros, impartirá os talleres dentro do Proxecto Orballo

  • A iniciativa busca que os alumnos consuman audiovisual “afastados de estereotipos de xénero”

  • Os talleres terán lugar este xoves e venres en institutos ourensáns

 A actriz Mariana Carballal imparte este xoves e venres en institutos ourensáns o Proxecto Orballo, un taller de educación audiovisual con perspectiva de xénero impulsado por AISGE. Trátase dunha iniciativa ideada pola actriz que trata de levar ás aulas unha forma de ver, entender e “facer outra lectura de series, películas e calquera produto audiovisual afastados de estereotipos de xénero”. Os mozos de hoxe en día “son xeracións audiovisuais que reciben toda a información da internet, televisión e o cinema”, información con “influencias  estereotipadas que eles deben revisar con sentido crítico”, argumenta a intérprete.

O proxecto, que se estreou no Festival de Cans o pasado mes de maio con gran éxito -”foi precioso,  interesantísimo”-, aterra agora en Ourense no marco do Ourense Film Festival (OUFF). Mariana Carballal impartirá o taller acompañada dos actores Nacho Castaño, Paula Pier e Alberto Medeiros -”é máis fácil que eles conecten co alumnado”- e farao para alumnos dos últimos cursos de Secundaria. 

Carballal destaca que “se reforce este proxecto con promoción en festivais” como o  OUFF, e asegura que a intención é darlle continuidade no tempo. A actriz xa participou na pasada edición do OUFF en varias charlas con estudantes.

AISGE, organizadora do Proxecto Orballo, é tamén colaboradora do Ourense Film Festival, que está a vivir unha 24ª edición marcada pola formación, ademais de por o éxito de público e a calidade das proxeccións. Ao taller de Mariana Carballal súmanse os que xa impartiron os cineastas Oliver Laxe e Alberte Pagán abertos a todo o público, e o de Xavier Bermúdez para os reclusos do Centro Penitenciario Pereiro de Aguiar.