A serie “Auga seca” foi presentada polo director xeral da produtora Portocabo e produtor da serie, Alfonso Blanco, acompañado polo director de Proxección Social da TVG, Xaime Arias. A 24ª edición do Ourense Film Festival inclúe dentro da súa programación a presentación de diferentes proxectos do audiovisual co obxectivo de converter nun espazo referencial para o sector.
“Auga Seca” trátase dun novo thriller televisivo coproducido pola galega Portocabo e a portuguesa SP-i, coa colaboración da TVG e a canle portuguesa RTP que se volven a unir despois do éxito acadado coas colaboracións anteriores como “Vidago Palace”.
Alfonso Blanco amosouse encantado con esta nova produción ambientada na cidade de Vigo e que conta “con gran presenza de ourensáns, tanto no equipo técnico, como con actores como Sergio Pazos ou Eva Fernández. Eu tamén son ourensán e ademais comecei a interesarme polo cine aquí da man do Cineclube.”
Blanco explicou que “queríamos presentar a serie no OUFF a serie pero seleccionáranos para un prestixioso festival internacional de series e tiñamos que estreala alí en exclusiva. Está tendo unha gran acollida no mercado internacional e cremos que é grazas ao éxito de “Hierro”. Xa temos un acordo cunha das grandes distribuidoras internacionais”.
Sobre “Auga seca” destacou que era unha serie que “conecta coa verdade. A serie está volcada cara o mar, rodada entre Vigo e Lisboa, e é moi naturalista porque queremos que conecte co espectador. Se todo vai ben, está prevista que haxa unha segunda tempada para darlle final á historia”.
Pola súa banda, Xaime Arias fixo fincapé no apoio que a TVG ofrece a ficción feita en Galicia. “As cousas non saen soas senón que hai moito traballo detrás. Nós apoiamos a Portocabo dende o inicio e estamos moi orgullosos de que triunfe e de que se internacionalice. A TVG pode abrir o camiño pero é necesario que haxa detrás empresas con talento coma esta”.
A serie, que conta co apoio de Agadic, terá seis capítulos e céntrase no tráfico de armas e as súas conexións co mundo empresarial. Arrinca coa morte de Paulo Duarte no porto industrial de Vigo. Un aparente suicidio que non convence aos seus xefes, nin á policía, nin á súa irmá Teresa, que se muda de Lisboa a Vigo e empeza a traballar na empresa onde estaba Paulo, co obxectivo de descubrir o que pasou. Está protagonizada pola actriz portuguesa Vitoria Guerra e os galegos Monti Castiñeiras, Cris Iglesias, Manolo Cortés ou Tacho González ademais de Sergio Pazos e Eva Fernández.