• Baltar destacou que o OUFF “situou a Ourense como centro de referencia do audiovisual, e como auténtico plató de Galicia.”

  • O presidente da Deputación de Ourense e os coordinadores técnico e artístico do Festival fixeron balance desta edición do Ourense Film Festival, na que destacou o compromiso dos ourensáns co cinema a pesar da situación actual

  • O público votou en masa as películas de Sección Oficial, que acadaron unha nota media moi superior as edicións anteriores

Hoxe foi día de facer balance. A 25 edición do Festival de Cine de Ourense, a das vodas de prata, non foi como se esperaba fai un ano. Pero foi. E nos tempos que corren foi un gran éxito. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar xunto co coordinador artístico do festival, Miguel Anxo Fernández, e o coordinador técnico, Aurelio Gómez Villar, foron os encargados de facer balance sobre a especial edición do 25 aniversario e anunciar as datas da 26 edición, do 24 de setembro ao 2 de outubro.

O presidente do goberno provincial agradeceu o traballo dos coordinadores e do seu equipo de traballo, integrado por máis de 30 persoas, “por cumprir exitosamente e ao 99,99% o programa previsto, executando tódalas propostas incluídas nesta ambiciosa programación, agás a suspensión dos concertos de Luar na Lubre e da Agrupación Musical da Limia por relación directa coa pandemia”

Manuel Baltar lembrou que esta edición contou con “91 proxeccións, incluídas as curtametraxes, sendo un Festival de Cine máis ourensán ca nunca, coa implicación de empresas de tódolos sectores, e o máis salientable: a implicación do público”.  A proba disto é a alta participación na asistencia a salas de proxección, esgotando as entradas na maioria das sesións, pero tamén o corroboran as votacions “9 de cada 10 asistentes votou as películas. E o porcentaxe mais alta dos último anos”. 

Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández quixo agradecer “ao presidente Baltar e a todo o equipo do festival pero, especialmente, estamos particularmente agradecidos á resposta da sociedade ourensá. Nestes tempo difíciles é moi gratificante ver como a xente está sensibilizada coa cultura e cumpre cos protocolos”. Tamén fixo fincapé nas sesións matinais, das que “sacamos unha moi boa experiencia e estou convencido de que viñeron para quedarse”.

Tamén destacou “a consolidación do festival como ámbito de referencia para o audiovisual galego” ademais da promoción das películas rodadas en Ourense, como sucedeu este ano coa estrea de “Olvido y León” na gala de inauguración e co avance de “Luarada” e “Non me espera ninguén” na clausura.”Esperamos que para o ano que vén podamos ter tamén algunha película que siga con esta liña e que deber ser xa xa un trazo diferencial do festival” afirmou.

Para a 26 edición  anunciou que “pouco podemos adiantar das liñas da próxima edición ante a situación actual pero estamos seguros de que será o inicio do camiño cara outras 25 edicións máis. O que si podemos avanzar é que, ademais do convenio co Festival de Angoulême, manteremos as mesmas liñas de programación e potenciaremos curtas e Fas Muvis”.

Tamén destacou o importante papel da comunicación neste 25 aniversario, xa que “máis de 45 medios se interesaron polo festival, ademais dos medios locais e autonómicos habituais, incrementouse importantemente o número de blogs e webs de cine que seguiron a diario o que pasaba no OUFF”. Hai que destacar tamén o importante incremento das interaccións nas redes sociais, o que dá bo exemplo do importante papel que xogan como medio de comunicación directo co público.

Aurelio Gómez Villar, dende a súa labora de coordinador técnico do OUFF, salientou “o gran respaldo da Deputación de Ourense e, en especial de Manuel Baltar, xa que sen eles non estariamos celebrando esta 25 edición”. A isto únese “a satisfacción que supuxo, nun ano especialmente difícil, ver como se movía a xente nas salas e o respecto ás normas. Tamén o tema das votacións, xa que cada ano se valora máis e temos aí un reto complicado”. Por último, que non menos importante, quixo agradecer a axuda de tódolos patrocinadores.

 

Datos OUFF 2020

PROXECCIÓNS

-Número de películas: 96, incluindo curtas

-Número de proxeccións: 92.

-Países participantes: 21.

-Executouse o 99% do programa. Só se suspenderon as actuacións musicais de Luar na Lubre e da Agrupación Musical da Limia por relación directa coa pandemia.

 

SECCIÓN OFICIAL

– Porcentaxe de público que votou na Sección Oficial: 89, 20%

– En 2019, fora do 84% e no 2018, dun 80%

– Media do voto do público: 4,20 sobre 5.

– En 2019, 3,95. No 2018, 3,85.

– Película máis valorada: Cartas Mojadas 4,559.

– Agotaron entradas 21 das 42 proxeccións do Ponte Vella, entre a Sección Oficial e Inédito en Ourense. 

– 7 das 10 películas de Sección Oficial agotaron entradas nalgún dos seus pases.