• O autor de “El desconocido” e “La unidad”, recibe este recoñecemento pola diversidade do seu audiovisual ao longo da súa traxectoria

  • Actualmente, está rodando en diferentes localizacións de Lugo e Ourense a súa nova película “Live is life” 

 

O director Dani de la Torre recibirá o Premio Ourense na 25 edición do OUFF en recoñecemento a súa labor profesional no mundo do cine. O Premio Ourense, un dos máis prestixiosos do festival, concédese a un profesional que teña destacado no seu traballo no audiovisual, non necesariamente pola traxectoria de toda unha vida, senon por algún aspecto concreto que o faga único. O pasado ano recibiu o galardón o director ourensán Norberto López Amado e no 2017 recaera no actor Luis Tosar. Ao longo da historia do Festival de Ourense recibírono persoeiros como Imanol Arias, José Sacristán, Emilio Gutiérrez Caba, Emilio Martínez-Lázaro ou Enrique Urbizu.

O OUFF considera ao director monfortino merecedor do galardón “pola polivalencia e transversalidade da súa traxectoria profesional, ao ter creado curtametraxes, tv movies, longametraxes e serie de ficción, ata estar considerado un dos novos valores xa consolidados no actual panorama audiovisual español. Engádese igualmente que o premio, polo seu nome e pola significancia, recae nesta edición nun autor emocionalmente vinculado a Ourense por terse formado en Imaxe e Son na Escola de Cine de Bemposta e tamén por terse formado como espectador nas salas da cidade durante o seu tempo de estudante”.

Unha carreira ascendente

Dani de la Torre naceu en Monforte de Lemos e estudou Imaxe e Son en Ourense. No seus comezos filmou diversas curtametraxes, como “Minas” (2004) e  “Lobos” (2004) polo que recibiu o Premio do Público no OUFF e “Bos días” (2006). En 2010 dirixiu e co-escribiu a miniserie de dous episodios “Mar libre”. En 2015 dirixiu a súa primeira longametraxe, “El desconocido”, cun guión de Alberto Marini e que contou coas interpretacións de Luis Tosar, Elvira Mínguez, Javier Gutiérrez e Goya Toledo e foi rodada na Coruña. O filme levou doce galardóns nos Premios Mestre Mateo 2015 e gañou dous Premios Goya (mellor montaxe e mellor son).

En 2018 dirixiu a curtametraxe “Álex y Julia”, para Estrella Damm, con Michelle Jenner e Oriol Pla. Logo dirixiu o filme “La sombra de la ley”, con guión de Patxi Amezcua e protagonizada de novo por Luis Tosar, xunto con Michelle Jenner. A película gañou tres Premios Goya (mellor fotografía, dirección artística e deseño de vestiario) e dez Premios Mestre Mateo, incluído o de mellor película e mellor director para de la Torre. 

Para televisión rodou “La unidad”, o fenómeno televisivo deste ano de Movistar+. Na actualidade, Dani de la Torre está a rodar en localizacións das provincias de Lugo e Ourense a súa nova película “Live is life”, baseado nun guión do escritor Albert Espinosa. A súa estrea está prevista para 2021.