• A actriz Ledicia Sola será a mestra de cerimonias dun acto no que se lle entregará o Premio Ourense a Dani de la Torre

  • A Calpurnia Especial para Adolfo Domínguez será o punto máis emocionante

  • Por primeira vez na historia do OUFF, estrearanse dúas pezas ourensás: “Olvido y León” e un avance da montaxe da curta “Amanezca”

Cada ano, a gala de inauguración marca o punto de saída oficial para o Festival de Cine de Ourense. Tras moitos meses de traballo, chega o momento de lucirse pero este ano hai que facelo a modiño. A pesar das circunstancias actuais e da necesaria redución de aforo, o acto contará con numerosos detalles que o farán inesquecible.

Noite de premios

Ourense será o protagonista absoluto deste evento. Comezando pola presentadora, unha habitual do OUFF, Ledicia Sola. A actriz ourensá, gañadora dun Premio Mestre Mateo, será a encargada de dirixir unha gala atípica e faráo vestida, como non podía ser doutro xeito, de Adolfo Domínguez. O modisto será outro dos grandes protagonistas da noite, xa que para el é a Calpurnia Especial 25 anos. Na primeira edición do Festival de Cine de Ourense, no ano 96, unha película titulada “La moños” foi a primeira en proxectarse na historia do festival. O seu produtor, Adolfo Domínguez. Agora, 25 anos despois, péchase o círculo con este galardón en homenaxe a un deseñador apaixonado polo cinema e que levou o nome de Ourense por todo o mundo. 

O outro premio que se entregará mañá será o galardón para Dani de la Torre. O director monfortino recibirá o Premio Ourense “pola polivalencia e transversalidade da súa traxectoria profesional, ao ter creado curtametraxes, tv movies, longametraxes e serie de ficción, ata estar considerado un dos novos valores xa consolidados no actual panorama audiovisual español.” De la Torre estudou Imaxe e Son en Benposta, polo que tamén está moi vencellado con Ourense.

Estreas mundiais

Na parte de cine, Ourense e os ourensáns tamén serán protagonistas. “Olvido y León” de Xavier Bermúdez terá a súa premiere mundial nesta gala. A película, protagonizada por Marta Larralde, Guillem Jiménez e Monti Castiñeiras, comezou a rodarse o pasado ano durante a celebración do Festival de Cine e este ano poderemos ver o resultado final na gran pantalla. Ribadavia, Laias ou Arnoia foron algúns dos escenarios escollidos para a gravación deste filme que contou co gran apoio da Deputación de Ourense

A outra estrea da que se poderá gozar na inauguración será a da curta “Amanezca”. Dirixida pola actriz Lucía Álvarez, nacida en San Xoán de Río, é a primeira peza do audiovisual español na que o equipo técnico está plenamente integrado por mulleres. María Botto é a protagonista, meténdose no papel dunha actriz que interpreta un dos papeis máis duros e máis difíciles da súa carreira: Laurencia de Fuenteovejuna. 

Actuación de Óscar

O toque musical da gala de inauguración do 25 OUFF virá da man, ou mellor dito, das mans do gañador dun Oscar Nico Casal. A interpretación do pianista e compositor santiagués será un dos momentos máxicos do acto. Casal está moi relacionado co mundo audiovisual xa que compuxo bandas sonoras entre as que destacan a de “Stutterer”, gañador do premio Oscar a Mellor Curtametraxe en 2016, e a película “La Enfermedad del Domingo”, de Ramón Salazar, nomeada nos Premios Feroz como mellor banda sonora.