• Os directores e creadores da serie, Alberto e Laura Caballero, enviaron un agradecemento en vídeo en nome de todo o equipo da ficción 

  • O acto complétase coa estrea en exclusiva do primeiro capítulo da temporada número doce

A serie “La que se avecina” foi galardoada co Premio OUFF Televisión no 25 aniversario do Festival de Cinema de Ourense ( OUFF). Estaba prevista a asistencia dos creadores e directores da ficción, Laura e Alberto Caballero, pero debido ás restricións sanitarias non se puideron desprazar ata Ourense finalmente. 

O acto de entrega de premio comezou ás 20.30 horas no Teatro Principal e foi presentado polo cineasta Simone Saibene. Alfonso Núñez, de Atlas Galicia, tivo o labor de recoller o premio en nome do equipo da ficción de Mediaset España. 

Alberto e Laura Caballero enviaron un vídeo no que agradeceron o Premio OUFF Televisión co que “estamos encantados e apetecíanos moito recoller pero non podemos polo que vos damos as grazas desde aquí” comentaba Alberto e engadía que “se para a próxima edición do festival, as nosas vidas volven ter sentido, iremos se nos facedes un oquiño e agradecerémosvolo como se merece”.

Laura Caballero quixo agradecer o premio “a todos vós e a todos os actores galegos que pasaron polas 12 tempadas de “A que se aveciña” compartindo a súa arte connosco”.

Miguel Anxo Fernández, coordinador artístico do OUFF, foi o encargado de ler a xustificación Premio OUFF Televisión, destinado a destacar o variado e diverso universo dos contidos para a pequena pantalla, como parte xa indisociable da linguaxe e a creatividade audiovisual. O galardón “concédese a “La que se avecina”, a serie de máis éxito de Mediaset-España,  ademais da máis veterana da ficción televisiva española, pola súa empatía coa audiencia e por cinguirse de maneira modélica ao que debe ser una serie coral de referencia, na que personaxes variados en situacións divertidas, facilitan ao espectador o que este busca na televisión: entretemento.”

A exitosa serie de  Mediaset España, que emite Telecinco, chega este ano á súa 12ª tempada. Para conmemorar este galardón, proxéctase en exclusiva o primeiro capítulo da nova tempada, o número 155 da serie. 

O Premio OUFF Televisión entregouse por primeira vez o pasado ano, recaendo na actriz galega Cristina Castaño. Trátase dun galardón co que o Festival de Cine de Ourense quere poñer en valor o sector, ao considerar o impulso que a ficción televisiva está a tomar nos últimos anos, co engadido de incorporar recursos e estruturas narrativas tomadas do cinema.