• Os curtametraxistas interesados en participar poderán enviar as súas pezas ata o 15 de xullo

  • Nesta nova edición haberá dúas categorías diferenciadas que optan a premio: Ficción e Documental

 

O Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF), que se celebrará entre o 24 de setembro e o 2 de outubro de 2021, abre o prazo para a inscrición de curtametraxes na nova edición do OUFF en Curto. Poderán inscribirse ata o vindeiro 15 de xullo. O festival regresa, un ano máis, para acoller as producións dos curtametraxistas e das curtametraxistas de toda Galicia, xa que unha das condicións é que as pezas estean realizadas en Galicia, dirixidas por unha persoa galega ou con equipo galego.

Novidades: curtas documentais

Esta nova edición do OUFF en Curto volve coa novidade de dispor de dúas categorías a concurso: Ficción e Documental. Este ano, de maneira excepcional debido á covid-19, aceptaranse obras producidas nos anos 2019, 2020 e 2021. A competición de curtametraxes do Festival Internacional de Cine de Ourense outorgará un premio de 1000 euros para cada unha das súas categorías. Ademais, concederase o Premio do Público, dotado con 300 euros, en base ás votacións dos espectadores das proxeccións presenciais e online. 

Aínda que a anterior edición do festival foi especialmente atípica como consecuencia da crisis sanitaria, dende a organización do OUFF en Curto amósanse moi ilusionados con este novo certame e co interese mostrado polos participantes. Para participar na sección de curtas é necesario inscribirse mediante a plataforma festhome.com.

BASES COMPLETAS